O PP reivindícase como "o máis demócrata" por acatar resultados de votacións en pleno

Feijóo, nun acto da campaña andaluza na Arxentina CC-BY-SA PPdeG

O 11 de xuño de 2011 o socialista Xosé López Orozco era investido alcalde de Lugo por cuarta vez. Aínda que o PP lograra 3.000 votos e un escano máis que o PSdeG o apoio do BNG á investidura sustentaba a elección de Orozco en trece edís e 24.503 votos, case 2.000 máis que os recadados polos conservadores. Agora, ás portas dunhas novas eleccións municipais, eleccións como a realizada aquel 11 de xuño en Lugo sérvenlle ao PPdeG, nomeadamente ao presidente do partido e da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para reivindicar a súa formación e aos seus candidatos como os "máis demócratas" de entre todas as formacións políticas por acataren os resultados de votacións plenarias.

A primeira ocasión en que Feijóo lanzou esta variante do seu tradicional argumentario contra os gobernos de coalición foi hai pouco máis dunha semana, na convención que os populares celebraron en Santiago. Nas dúas intervencións que realizou o titular da Xunta repasou as que considera características máis salientables de cada un dos seus candidatos ás alcaldías das cidades. No caso do lucense Jaime Castiñeira Feijóo salientou que o concelleiro e deputado é "un dos grandes demócratas de Galicia", porque malia "gañar as eleccións", permaneceu "na oposición" dende 2011. É dicir, porque se mantivo no lugar da corporación municipal de Lugo que a votación de 2011 ditaminou.

O presidente eloxia o carácter "demócrata" do seu partido en Lugo e Andalucía por permitir que gobernase quen logrou a maioría dos plenos local e autonómico

Sen explicitar que outras opcións caberían alén dese acatamento, a pasada fin de semana Feijóo reciclou a loubanza que lle dedicou a Castiñeira para aplicarlla ao PP de Andalucía. Antes de partir cara a Sudamérica para participar en actos enmarcados na propia campaña electoral andaluza o presidente participou en varios actos en Almería. Alí cargou contra o PSOE e reclamou o apoio para o seu partido, agora liderado nesa comunidade por Juan Manuel Moreno. Nos últimos anos, proclamou, o PP revelouse tamén en Andalucía como "o partido máis democrático" por estar "tres anos na oposición" malia ser a forza máis votada.

Como no exemplo de Lugo, o que fixeron os populares andaluces foi, tamén, acatar o resultado dunha votación. Neste caso, o PP de Javier Arenas logrou 1,57 millóns de votos e 50 escanos e o PSOE, aínda encabezado por José Antonio Griñán, 1,52 millóns de sufraxios que se traduciron en 47 asentos no Parlamento autonómico. No entanto, a investidura do presidente da Junta tivo tamén o apoio dos 12 deputados e deputadas de Izquierda Unida, polo que o seu soporte foi de 59 escanos e 1,96 millóns de votos.

Unha das bases do sistema electoral

Estas declaracións de Feijóo son un novo xeito de cuestionar a que vén sendo unha das bases do sistema electoral vixente tanto para as eleccións xerais como para as autonómicas e locais, isto é, a elección indirecta das persoas que presiden os gobernos e as corporacións municipais. Tanto a Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral como a Lei de Eleccións ao Parlamento de Galicia amosan ás claras que as presidentas e presidentes, alcaldesas e alcaldes non son designadas directamente pola poboación, senón polas persoas elixidas para compoñer os parlamentos e plenos locais. Polo tanto, a quen se lle encomenda a formación de goberno é a quen logra a maioría do pleno, non a quen fica en primeiro posto tras o reconto de sufraxios.

Feijóo chegou a suxerir a "elección directa" de presidentes autonómicos, imposible de encaixar no actual sistema parlamentario

Durante máis dunha década o actual presidente da Xunta vén sendo un dos dirixentes do PP máis belixerantes contra a formación de coalicións postelectorais en todos os ámbitos, toda vez que estas, na práctica totalidade das ocasións, se fían entre forzas do ámbito da esquerda. Nesta liña, Feijóo foi tamén un dos defensores máis entusiastas da frustrada reforma electoral promovida o pasado ano pola dirección estatal do PP, que pretendía primar coa maioría absoluta á formación que lograse o 40% dos votos en cada concello. Asemade, o líder dos populares galegos chegou a suxerir a posibilidade de estender o que denominou "elección directa" ás presidencias das autonomías, unha posibilidade imposible de encaixar no actual réxime parlamentario.

Feijóo, nun acto da campaña andaluza na Arxentina CC-BY-SA PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.