O PP revalida o seu dominio no Ourense rural, pero 'pincha' nas vilas

Avelino de Francisco, alcalde de Cortegada primeiro co PSdeG e agora co PP, nunha xuntanza con Alfonso Rueda © Xunta

Nos meses previos ás eleccións coñeceuse a noticia de que Manuel Baltar, líder do PP en Ourense e presidente da Deputación, conseguira fichar para as listas populares de Teresa Barge, alcaldesa da Bola polo BNG e que uns meses antes abandonara esta formación, e de Avelino de Francisco, alcalde de Cortegada polo PSdeG-PSOE dende o 2007. Era unha manobra máis dos populares ourensáns dentro dunha forma de facer política, moi eficaz no ámbito local, sobre todo nos pequenos concellos, e na que son verdadeiros expertos.

O PP fíxose o domingo coas alcaldías de Cortegada e A Bola con amplas maiorías absolutas

Quedaba por ver o éxito ou o fracaso desta aposta concreta. O PP fíxose o domingo coas alcaldías de Cortegada e A Bola con amplas maiorías absolutas. En A Bola os populares fixéronse con 6 concelleiros, por tres do BNG e un 66% dos votos. En 2011 Teresa Barge, daquela nas fileiras do Bloque, obtivera 7 dos 9 concelleiros. En Cortegada, o resultado foi o mesmo: 6 edís para o PP e 3 para o PSdeG-PSOE, obtendo os populares un 62% dos votos. En 2011 o mesmo Avelino de Fracisco, daquela encabezando a lista socialista, fixérase con 6 concelleiros, por 2 do PP e 1 do BNG.

A nivel global, o dominio do PP é claro, sumando o 43,94% dos votos e superando por máis de 18 puntos ao PSdeG-PSOE (25,75%). En total o PP obtén 61 maiorías absolutas nos 93 concellos da provincia

En realidade, a ampla vitoria do PP nestes pequenos concellos reproduce o comportamento da meirande parte da zona rural ourensá, onde os populares obteñen triunfos moi claros na gran maioría das localidades (por suposto, con excepcións, dende Vilar de Santos, a Manzaneda, pasando por Sandiás, Castrelo de Miño ou Amoeiro). A nivel global, o dominio do PP é claro, sumando o 43,94% dos votos e superando por máis de 18 puntos ao PSdeG-PSOE (25,75%). En total o PP obtén 61 maiorías absolutas nos 93 concellos da provincia. Os populares perden, iso si, vinte mil votos e 35 concelleiros con respecto ao 2011, mentres que os socialistas caen 11 mil votos, pero gañan dez representantes electos. O BNG, cun 9,76% dos sufraxios e 112 votos, cae tamén cinco puntos e 39 edís. A pesar de que a maioría do PP é menos clara que hai catro anos, manteñen o control da Deputación, con 14 dos 25 postos, fronte ao 8 de PSdeG-PSOE, os 2 de DO e 1 do BNG.

Onde si se observa debilidade nos populares é nas vilas da provincia

Onde si se observa debilidade nos populares é nas vilas da provincia, ademais de na propia capital provincial, onde gobernará, pero perdendo un edil e máis de cinco mil votos. Os socialistas manteñen as alcaldías de O Barco, O Carballiño e Ribadavia e pasarán a gobernar en Verín, onde o PP perdeu a súa maioría absoluta. Os populares tan só repetirán en Celanova. E, pola súa banda, en Xinzo o PP mantivo a maioría absoluta por tan só 22 votos

Avelino de Francisco, alcalde de Cortegada primeiro co PSdeG e agora co PP, nunha xuntanza con Alfonso Rueda © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.