O PP rexeita acudir á constitución do Consello da Memoria Democrática da Coruña

Xuntanza de constitución do ente consultivo, á que si acudiron PSdeG, BNG e o Goberno municipal © Concello da Coruña

Este mércores botou a andar o Consello da Memoria Democrática da Coruña, un ente consultivo impulsado polo Concello que traballará para "promover a reparación moral e a recuperación da memoria persoal e familiar daquelas persoas que padeceron persecución ou violencia por razóns políticas, ideolóxicas ou de crenza relixiosa" durante a ditadura franquista e para "dar resposta ao establecido na Lei de Memoria Histórica e atender ás demandas das vítimas en termos de verdade, xustiza e reparación". Na xuntanza de constitución da entidade participaron representantes da Universidade da Coruña, de entidades memorialistas (CRMH, ARMH) e culturais (Instituto José Cornide de Institutos Coruñeses, RAG), da Concellería de Cultura e tamén das forzas políticas con representación municipal: PSdeG-PSOE, BNG, mais non o PP.

A pesar de que a formación popular está convidada a formar parte do Consello da Memoria Democrática da Coruña, ningún representante do grupo municipal do PP acudiu á xuntanza de constitución, na que si estiveron presentes Fito Ferreiro (PSdeG-PSOE) e Avia Veira (BNG). "O PP, coma sempre, fuxe de todo o que sexa lembrar e reparar o dano causado polo franquismo", denunciou este mércores Marea Atlántica a través das redes sociais.

Entre as funcións do Consello da Memoria Democrática está a emisión de informes sobre aqueles proxectos ou programas relativos ás políticas municipais dirixidas á recuperación da memoria persoal e familiar das vítimas da represión. Neste senso, a súa primeira tarefa será analizar a situación da Casa Cornide, en mans da familia do ditador Francisco FrancoOs e as integrantes da Comisión analizarán se é posible que o Concello leve a cabo unha eventual reclamación para que este inmoble, que un día foi casa do prolífico historiador e humanista José Cornide, pase a formar parte do patrimonio público. O pasado 26 de setembro militantes do BNG ocuparon simbolicamente o edificio da Rúa Damas pedindo a "devolución do roubado".

O pasado 8 de xaneiro o pleno municipal aprobou unha moción do BNG para que a Casa Cornide pase a formar parte do patrimonio público. “O espolio da Casa Cornide está clara e debidamente documentado: existiu unha trama, na que interveu o Concello da Coruña, o Ministerio de Facenda, o Ministerio de Educación e a Casa Civil do Caudillo para enmascarar como poxa un auténtico espolio en beneficio de Carmen Polo que desexaba unha casa en plena Cidade Vella. É hora xa de que se devolva á cidade e se reintegre ao patrimonio de todas as coruñesas e de todos os coruñeses”, sinalou Avia Veira. "Non se pode ser alleo ao veredicto da historia ao expolio que se levou a cabo durante a represión", indicou o concelleiro de Culturas, José Manuel Sande. A moción foi aprobada cos votos favorables de Marea Atlántica, PSdeG-PSOE e BNG, e o PP abstívose.

O Partido Popular tamén se abstivera o pasado ano na moción que deu lugar á creación do propio Consello da Memoria Democrática, unha iniciativa da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica que si contou co apoio do resto dos grupos. Daquela, o PP rachara a unanimidade incluíndo mencións a Cuba ou a Venezuela na súa argumentación sobre os motivos polos que non apoiaba a proposta.

 

A futura Oficina Municipal de Atención ás Vítimas da Represión Franquista

Durante a súa intervención no acto de constitución, o alcalde Xulio Ferreiro recordou que, ademais da creación deste ente, o Concello contará en breve cunha Oficina Municipal de Atención ás Vítimas da Represión Franquista, que se desenvolverá apoiada sobre a cátedra de investigación sobre memoria que o goberno local puxo en marcha da man da Universidade da Coruña. Ferreiro quixo destacar o traballo desenvolvido "ao longo de todos estes anos tanto por asociacións memorísticas como por entidades e formacións políticas que marcaron o camiño para a restitución da memoria". Así, recordou que o goberno local da Coruña conseguiu "sacar do rueiro os nomes dos asasinos", así como retirar as honras que recibían en María Pita "alcaldes que foron nomeados polo medo e non polas urnas". E lembrou a intención do executivo de retirar este exercicio a simboloxía franquista presente aínda nunha das vidrieiras do Concello.

 

A entidade analizará a situación da Casa Cornide Dominio Público Zarateman

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.