O PP tenta reproducir en Monforte o seu escándalo de Santiago

Feijóo, o alcalde de Monforte e a voceira do PP (dereita), nun acto oficial © Xoán Crespo

O pasado martes o PP galego seguía a xestionar a peor crise da súa historia recente. Apenas pasaran unhas horas dende que a cúpula que encabezan Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda decidiran, finalmente, intervir no colapso político do Concello de Santiago, retirando do cargo a Ángel Currás e promovendo o conselleiro Agustín Hernández como terceiro rexedor do mandato. Entre as múltiples causas que derivaron nesta inédita situación na capital de Galicia figura a condena por prevaricación a 7 dos 13 edís do equipo de goberno que, segundo a Xustiza, decidiron pagar con fondos públicos a asistencia xurídica do ex edil de Deportes, Adrián Varela, imputado no caso Pokémon, sen atender os requisitos legais para facelo. Ese mesmo día a voceira do partido en Monforte, a tamén deputada Julia Rodríguez, dirixíase á prensa para tentar reproducir o escándalo de Compostela na capital da Ribeira Sacra, unha acusación pola que, atendendo á reacción do goberno monfortino, podería rematar nos tribunais.

Rodríguez, que adoita intervir no ámbito autonómico para defender as teses antiabortistas do seu partido, saía á palestra para "facer público" que en marzo de 2011 "o Concello abonou con recursos públicos, malia tratarse dun tema que afecta a intereses particulares", a factura do avogado que asistiu o edil Xosé Manuel Pavón na súa etapa como responsable de Obras da localidade. Para a edil conservadora esta factura deixa clara a existencia de "irregularidades na actuación do Goberno local", toda vez que o avogado "asumiu o gasto derivado da defensa que concerne a vida privada dun concelleiro" por "importe de 2.764 euros" nun caso que, admiten, foi arquivado.

Severino Rodríguez afirma que a voceira do PP "sabe perfectamente" que a denuncia foi por prevaricación e, polo tanto, "por razón do cargo"

Pero, tratábase realmente dun asunto privado? Quen responde á pregunta é o alcalde monfortino, Severino Rodríguez (BNG), que en conversa con Praza Pública especifica que "se a voceira do PP se informase tería nulas posibilidades de mentir e difamar, que é o que fai por non informarse ou non querer facelo, que é aínda peor". O caso ao que se refire a acusación de Julia Rodríguez ten a súa orixe nunha denuncia por prevaricación formulada por Jesús Pereira, fundador do partido Indepedientes de Lemos -que concorreu ás municipais de 2007 e obtivo 67 votos-, contra Pavón e o propio alcalde a respecto dunhas obras. "Fomos denunciados por prevaricación", polo tanto, "no exercicio do noso cargo como concelleiro e alcalde". "O proceso arquívase e o xuíz di que non hai caso, quen abona a factura da defensa xurídica? Esa é a resposta que ten que contestar a voceira do PP", di o alcalde.

A factura foi abonada tras o arquivo do caso, destaca o alcalde, que ve na acusación un intento de "tapar a corrupción de Santiago"

"Ela sabe perfectamente que en todos os concellos os gastos da defensa xurídica págaos a Administración" en casos de denuncias derivadas "do exercicio do cargo" se o edil denunciado "sae absolto, non é culpable". Este requisito, que tamén figuraba no informe do secretario municipal de Santiago sobre Adrián Varela, é o necesario para "actuar estritamente como di a lei". Nesta liña, subliña, "o auto de arquivo" da demanda "produciuse o 25 de febreiro de 2011 e a factura, o 15 de marzo". A xuízo do rexedor a actuación do PP local é "moi sintomática" porque "ten esta factura dende decembro de 2013" e "sácaa agora por dous motivos: para tentar tapar a corrupción que teñen en Santiago" pero tamén, di, por recomendación da "persoa que presentou a denuncia", coñecido por demandar sistematicamente o goberno local pero tamén por "ser un delicuente que estivo preso 18 meses" por un caso de estafa. O propio Pereira, segundo recolle La Voz de Galicia, "felicita" a Julia Rodríguez pola súa "dilixencia neste asunto". Para o alcalde "queda claro que a portavoz do PP, non o PP, actúa da man" desta persoa, "que foi un delicuente".

Rectificación ou autoinculpación e denuncia

Neste contexto o goberno monfortino dálle dúas posibilidades á voceira do PP que en 24 horas "rectifique" ou "vaia á Fiscalía, que é onde ten que denunciar iso" se "somos uns corruptos". Se a concelleira popular "non fai nada diso ímolo levar nós á Fiscalía, autoinculpándonos". Cando o Ministerio público "diga que actuamos correctamente, denunciarémola por difamación, témolo decidido", afirma, nun contexto no que Julia Rodríguez xa avanza que non vai formalizar a denuncia para non "xudicializar" a política aínda que considera o caso "de suma gravidade". 

Se o PP local non leva o caso á Fiscalía o Concello "autoinculparase" e acto, seguido, "denunciarémola por difamación"

"En política non vale todo", subliña o alcalde, quen tamén lamenta especialmente que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, se aferrase á acusación da súa concelleira en Monforte para atacar o BNG na tensísima sesión de control do pasado mércores. Julia Rodríguez, di o alcalde, "está pagando os seus favores porque isto ao presidente vénlle de marabilla por toda a corrupción que ten en Santiago" e agora "quere disparar por outro lado". "Eu son alcalde dunha cidade pequena pero represento os meus cidadáns" e "aos mesu cidadáns non lles falta ao respecto ninguén". "Se el nos falta ao respecto eu non vou ser coma el", pero "denunciarei que o presidente da Xunta de Galicia non respecta o Concello de Monforte", o que, ao seu xuízo, amosa que "non ten altura moral nin ética".

"Eu pódolle preguntar se por aparecer en fotos cun narcotraficante, el é outro narcotraficante"

O presidente, abonda o alcalde, "ten medios e asesores suficientes" para "coller o expediente e ver se esa denuncia foi por prevariación, é moi doado" para, "antes de insinuar nada, comprobar". "É unha mágoa que fale de Monforte baseándose en algo que non se molestou en verificar" porque, "da mesma maneira que el lle pregunta a Jorquera que lle aclase se é certo que se pagaron defensas privadas con fondos públicos eu pódolle preguntar que me explique se polo feito de aparecer nunhas fotos ao carón dun narcotraficante, el é outro narcotraficante". "Se el pode facelo, por que eu non podo?", pregúntase.

Severino Rodríguez, alcalde de Monforte © Concello de Monforte
Julia Rodríguez, deputada e voceira local do PP CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.