A presidenta do Congreso, Ana Pastor, pide un informe xurídico para aclarar se a Cámara pode volver debater a creación dunha comisión se xa foi rexeitada previamente
Novo obstáculo á creación da comisión de investigación política sobre o accidente de Angrois que solicitan as vítimas do sinistro. Cando xa consideraban despexado o camiño para que botase a andar no curso político que agora se inicia, despois de conseguir que o PSOE cambiase de postura e se sumase ao resto de grupos favorables á investigación deixando só ao PP na súa negativa, este martes a presidenta do Congreso, a popular Ana Pastor, ministra de Fomento cando ocorreu o accidente, volveu entorpecer a súa creación. Pastor solicitou, co asentimento de PSOE e Ciudadanos, un informe aos servizos xurídicos para que aclaren se a Cámara pode volver debater unha iniciativa que xa fora rexeitada previamente.
Os socialistas insisten en que apoian a investigación e que esta só se demora unha semana
A Mesa do Congreso reunida este martes tiña que cualificar as novas peticións de creación da comisión presentadas por PSOE e En Marea, paso previo a que a Junta de Portavoces decidise a súa inclusión nun próximo Pleno para o seu debate e votación. Porén, Pastor decidiu pedir un informe aos servizos xurídicos da Cámara co argumento, segundo fontes parlamentarias, de que existen dúbidas sobre se a Mesa pode validar as novas peticións despois de que o pasado maio, cando o PSOE aínda era contrario, rexeitase tramitar unha similar de En Marea. O apoio este martes dos socialistas a esa consulta xurídica suscitou dúbidas sobre o seu cambio de postura e obrigaron á portavoz do PSOE no Congreso, Margarita Robles, a insistir en que “esa comisión vai levarse adiante”, segundo recolle Europa Press na súa web.
Fontes socialistas restan importancia á decisión e aseguran que só se atrasa unha semana a admisión a trámite da iniciativa e lembran que PP e Ciudadanos teñen maioría na Mesa do Congreso e que poderían ou bloquear directamente a proposta ou que o informe non tivese prazo. Outras voces apuntan a que a decisión do PSOE de secundar a petición do PP dese informe xurídico que como mínimo atrasará a decisión débese a unha posible nova guerra interna entre os deputados socialistas partidarios do cambio de postura impulsado por Pedro Sánchez, agora favorable á investigación, e os que defenden manter a negativa anterior.
Mentres o PP tivo maioría absoluta, non tivo problema para tramitar as peticións coa tranquilidade de que o seu voto en Pleno as tombaría; cando a perdeu, a súa estratexia pasou por impedir que chegasen sequera a debaterse
O novo obstáculo plantexado este martes polo PP é un máis na longa cadea de negativas dos populares a aceptar unha investigación política que solicitan as propias vítimas. Mentres o PP tivo maioría absoluta, tanto no Congreso como no Parlamento de Galicia, non tivo problema para tramitar as peticións de creación da comisión coa tranquilidade de que o seu voto en Pleno as tombaría. Cando perdeu a maioría en Madrid, a súa estratexia alí pasou por impedir que esas iniciativas chegasen sequera a debaterse.