O PP volve quedar só no pleno da Coruña entre críticas a Feijóo polo protocolo para os terreos portuarios

Fachada litoral da Coruña, co porto en primeiro termo © Concello da Coruña

O 7 de maio de 2017 ao redor de 4.000 persoas manifestáronse nas rúas da Coruña en protesta polo intentos de Goberno central e Xunta de Galicia de manter vixentes os convenios de 2004 para a privatizacións dos terreos do porto interior e a construción neles de milleiros de vivendas, áreas comerciais e hoteis. Un ano despois o pleno municipal da Coruña volveu expresar o seu frontal rexeitamento a unha proposta que o Partido Popular defende en solitario. Marea Atlántica, PSdeG-PSOE e BNG aprobaron unha moción que insta á Xunta de Galicia, o Ministerio de Fomento, a Autoridade Portuaria da Coruña e Puertos del Estado a deixar sen efecto o protocolo asinado o pasado 18 de abril e retomar “a proposta de diálogo e cooperación realizada polo Concello da Coruña para a constitución dun consorcio público”.

Marea Atlántica, PSdeG-PSOE e BNG instan a Xunta e Estado a revisar os convenios de 2004, que o protocolo declara vixentes e que significan a privatización da maior parte dos peiraos

Aquel protocolo o que facía en esencia era reafirmar a vixencia dos convenios de 2004, incluídos os usos previstos para os peiraos, subliñando explicitamente a imposibilidade das administracións públicas de frear o proceso de desafectación dos terreos. A moción aprobada este luns, presentada por Marea Atlántica, insta a revisar os convenios urbanísticos de 2004 e pide acordar unha ordenación baseada “en equipamentos dotacionais e espazos libres, públicos, así como en usos produtivos portuarios, asegurando a titularidade e a xestión públicas do conxunto do borde litoral portuario”. O pleno aprobou tamén outra moción, presentada polo PSdeG-PSOE, que solicita a convocatoria da comisión de seguimento do cumprimento dos convenios de 2004 sobre a reordenación urbanística dos peiraos da Coruña, unha comisión de seguimento na que participan todas as administracións. Foi rexeitada, pola contra, unha moción do PP que instaba ao Goberno municipal a adherirse ao protocolo asinado hai 15 días por Xunta e Goberno central.

"En que despacho de San Caetano ou de Madrid se decidiu que eses terreos valían 20 millóns? Onde se decidiu que a Xunta se podía apropiar dos mellores terreos da cidade da Coruña?" (José Manuel García)

No debate evidenciouse o rexeitamento xeral ao contido deste protocolo e tamén ás formas exhibidas polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. José Manuel García (PSdeG-PSOE) criticou que "o señor Feijóo, como se A Coruña fose o seu cortijo" se presentase co ministro de Fomento "para asinar un protocolo que establece unha serie de premisas que baixo o noso criterio o único que van facer é prexudicar severamente á cidade”. García denunciou a “deslealdade institucional” ao non convocar ao alcalde, o que cualificou de “desprezo a todos os coruñeses”. "En que despacho de San Caetano ou de Madrid se decidiu que eses terreos valían 20 millóns? Onde se decidiu que a Xunta se podía apropiar dos mellores terreos da cidade da Coruña?", preguntouse finalmente.

Pola súa banda, a voceira do BNG, Avia Veira, sinalou que o protocolo é "unha mostra máis de que o PP é un partido que funciona cun gran sectarismo e que ignora as preocupacións e a vontade real das coruñesas e coruñeses. Só lles interesan os titulares efectistas e un certo reparto do pastel". "O que sucedeu o outro día foi un insulto, é un insulto que unha administración pública poña cartos (20 millóns) para mercar uns terreos que xa son públicos", engadiu. Igualmente, Veira afeoulle ao Goberno municipal a non convocatoria dunha consulta popular sobre o futuro dos terreos e a non presentación dun proxecto de usos definitivo para eses terreos. “Terían vido coa mesma cara dura coa que viñeron?”, preguntouse.

"O que sucedeu o outro día foi un insulto, é un insulto que unha administración pública poña cartos para mercar uns terreos que xa son públicos" (Avia Veira)

Na súa intervención, Martín Fernández Prado (PP) repetiu os argumentos xa expresados en moitas ocasións polo Partido Popular e polo Goberno galego, sinalando que o protocolo asinado non especifica usos para os terreos portuarios, esquecendo que o que fai o protocolo, de forma literal, e subliñar a vixencia dos convenios de 2004. Fernández Prado afirmou que a Marea Atlántica quere crear “un escenario ficticio de enfrontamento coa Xunta” e concluíu que "o que teríamos que facer sería agradecer esta xestión realizada por Xunta e Ministerio de Fomento".

"Están tentando durmir un debate que estaba vivo na cidade. Só queren enredar o tema ata as eleccións" (Xiao Varela)

Finalmente, o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, repetiu as críticas de "deslealdade" e de "pacto de gravatas, de costas á cidadanía" e acusou ao PP "tentar adiar un problema que teñen ata despois das eleccións municipais". "Están tentando durmir un debate que estaba vivo na cidade. Só queren enredar o tema ata as eleccións", engadiu. Varela alertou de que "o que pretenden é desafectar do dominio público os peiraos da cidade, desafectar quere dicir retirar a protección contra a especulación". E concluíu que "estamos agardando pola Xunta. Imos seguir cos brazos abertos pero imos decidir coa cidadanía o futuro dos terreos".

 

Inicio do pleno municipal celebrado este luns pola tarde © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.