Hai quen conta que, tras gañar as eleccións xerais en 2004, o PSOE de José Luis Rodríguez Zapatero decatouse das dificultades de aplicar partes do seu programa electoral, deseñado en boa medida coa previsión de non lograr o Goberno. Algo semellante, salvando as distancias, aconteceu en Galicia en 2009, cando o PP recuperou con Alberto Núñez Feijóo a maioría absoluta que perdera catro anos atrás. No programa que os de Feijóo elaboraron para aquelas eleccións incluíronse diversas medidas de difícil aplicación ou mesmo contrarias ao que historicamente defendera o PP, caso por exempo do traslado de ENCE. Unha delas era a transferencia da Autoestrada do Atlántico á Xunta, que este martes os populares rexeitaron por enésima vez.
O rexeitamento tivo nesta ocasión como escenario os trámites das emendas do BNG á nova lei de estradas, entre as que se incluía a transferencia da AP-9 a Galicia. "A actualización da lei debe contribuír a unha segunda fase da transferencia das estradas que pasan integramente polo territorio galego", argumentou a deputada Rosana Pérez, quen lembrou que este traspado é "unha vella demanda". Tanto, que mesmo a chegou a asumir o propio PP.
Os populares rexeitaron no Congreso as emendas do BNG á lei de estradas que pedían a transferencia
"Cando levamos a debate no pleno unha proposición na que instabamos a transferir a AP-9, o Grupo Popular baseou a súa negativa no feito de que ía entrar a tramitación a lei de estradas" e ese era o "debate idóneo para introducir propostas coma esta". "Emprazáronos a facelo" e por iso "fixemos caso e traouxemos esta demanda a traveś dunha emenda á lei. "Pero está claro que o PP prefire preservar os intereses de Audasa, antepoñéndoos aos da cidadanía galega", lamenta Pérez.
Antes de retornar ao Goberno galego o PP defendía que o traspaso serviría para acometer unha "reformulación total do deseño da autoestrada"
Esta negativa súmase a outras formuladas nos últimos anos, tanto en Galicia con en Madrid. A última data de agosto do pasado ano, cando o Ministerio de Fomento se apoiou nun informe xurídico para argumentar o rexeitamento ao traspaso. Entre os argumentos dese informe figuraba, precisamente, as condicións da lei de estradas, que agora os populares se negan a modificar para facilitar o traspaso.
Entre os argumentos esgrimidos polo PP antes de chegar á Xunta para defender a transferencia da AP-9 figuraba a posibilidade de realizar unha "reformulación total do deseño da autoestrada" tras un proceso de traspasos que, indicaba, afectaría tamén á AP-53, que une Santiago e Dozón. No entanto, no programa electoral de 2012 a promesa de transferencia desaparecía a respecto da AP-9, para a que se prometía unha "reorganización da estrutura tarifaria" e a devandita "reformulación". Nese segundo programa si que se mantiña a promesa de transferencia da AP-53, que segue xestionada por Fomento a través dunha concesión que de agora en diante controlará un fondo soberano do Goberno de Malaisia.