Descoido ou globo sonda? O pasado domingo a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, internouse no debate que, dun xeito cada vez menos calado, percorre os corredores das principais institucións do país e que impregna este verán dun clima político moi semellante ao do estío de 2008. Cuestionada na Cadena SER pola data das próximas eleccións a segunda autoridade de Galicia considerou "unha parvada" non admitir que o presidente da Xunta está "pensando" no momento en que chamará a cidadanía ás urnas, non só pola proximidade do remate do mandato -esgótase en marzo- senón tamén porque, canto máis se achega a fin do ano, "formúlase a cuestión de se se fan ou non se fan Orzamentos". Vinte e catro horas despois o outro principal representante do PPdeG no Pazo do Hórreo, o voceiro Pedro Puy, tentou arrefriar o ruxerruxe que a presidenta alimentara.
Puy tentou arrefriar os rumores de adianto que a presidenta do Parlamento alimentara vinte e catro horas antes
"En absoluto", respondeu Puy ao ser cuestionado en torno á posibilidade de que o Parlamento xa non retome o seu traballo ordinario á volta do verán. O conservador xustifica a súa afirmación sinalando que a súa formación está "introducindo cuestións relevantes" na axenda política como a modificación de órganos consultivos, caso do Consello Económico e Social. Isto, di, non é máis ca unha mostra de que "estamos traballando na previsión do que é previsible, a celebración dun período de sesións no vindeiro outono", isto é, o desenvolvemento da actividade parlamentaria entre o 1 de outubro e o 31 de decembro. Puy procura tamén transmitir unha sensación de plena normalidade precisamente no ámbito orzamentario, ao que facía referencia Rojo. Neste caso, di, este é o momento de que a Consellería de Facenda inicie os traballos para elaborar as contas do vindeiro exercicio.
Se ben é certo que o Goberno galego lle vén de de dar o sinal de saída á composición dos Orzamentos de 2013, coa publicación das instrucións a tal efecto no Diario Oficial de Galicia do pasado 8 de xuño, non o é menos que esta orde está datada a finais de maio e que responde a un trámite habitual que podería ficar paralizado se, finalmente, Feijóo decide adiantar a convocatoria electoral, potestade que lle corresponde unicamente a el e que, a priori, non utilizará ata, cando menos, despois do verán. Aínda que publicamente o presidente mantén que a cuestión do anticipo só lle interesa á oposición, no seu entorno admítese máis ou menos abertamente que o mes de agosto será o escenario temporal que Feijóo empregue para, como Emilio Pérez Touriño hai catro anos, decidir se esgota ou non a lexislatura.
Unha convocatoria a comezos de setembro permitiría ir votar a finais de outubro
En caso de decidise o anticipo, á volta do verán tería tempo dabondo para, por exemplo, fixar a data dos comicios contra finais de outubro, xa que a lei estipula que a convocatoria debe estar asinada cincuenta e cinco días antes das eleccións. Así, por exemplo, un decreto de convocatoria asinado a comezos de setembro permitiría ir votar o 28 de outubro e, deste xeito, o Parlamento xa non reiniciaría a súa actividade ordinaria á volta do mes de agosto.
Neste escenario, de que depende a decisión? Oficialmente, como é de agardar, tanto dende o PP como dende o Goberno maniféstase que o único que terá en conta Feijóo para decidir son "os intereses de Galicia". Á marxe disto, entran en xogo factores internos e, sobre todo, externos, como o ritmo dos novos recortes do Goberno central ou a posibilidade de que o lehendakari, Patxi López, decida tamén adiantar as súas eleccións, que xa cadraron coas galegas en 2009. A posibilidade de abortar de facto o proceso de primarias no PSdeG ou de evitar que a posible nova alianza nacionalista remate de fraguar son outras das variables a ter en conta nunha chamada ás urnas que cada vez presenta máis síntomas como, por exemplo, a xira sudamericana prevista polo presidente para as vindeiras semanas, a proliferación de inauguracións na súa axenda oficial dende o comezo da primavera ou a celebración en Galicia, sen saír do mes de xullo, dunha conferencia intermunicipal do PP e do congreso estatal das Novas Xeracións do partido.