O dirixente popular fotografouse en outubro en Bruxelas co responsable da Comisión Europea e a Deputación de Ourense divulgou as imaxes e un comunicado no que dicía que os dous “analizan vías para impulsar unha maior competitividade nas provincias de Europa”
O pasado 8 de outubro a Deputación de Ourense divulgou unha nota de prensa, acompañada de fotografías, que encabezou co título “Baltar e Juncker analizan vías para impulsar unha maior competitividade nas provincias de Europa”. No texto, a deputación enumera unha serie de cuestións que supostamente o presidente do ente provincial lle trasladou ao da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, no que se cualifica como “encontro” entre os dous na xornada inaugural da Semana Europea das Rexións e das Cidades celebrada en Bruxelas. Pola contra, Juncker reduce agora o alcance daquel “encontro” e di que só “saudou brevemente ao señor Manuel Baltar” con motivo daquelas xornadas “así como a outros moitos representantes das rexións e cidades de Europa”.
A resposta de Juncker limitando a alcance daquel “encontro” publicitado por Baltar chega tras unha pregunta que formulou ao respecto o eurodeputado socialista e ex-ministro José Blanco. Tras publicarse aquelas imaxes de Baltar e Juncker en numerosos medios, o socialista solicitou por escrito ao presidente da Comisión Europea que aclarase “os termos do suposto encontro” xa que a axenda pública de Juncker non reflectía ningunha reunión co presidente da Deputación de Ourense. Blanco tamén preguntou “se na actualidade existe algunha investigación aberta canto ao uso de fondos europeos por parte da Deputación de Ourense” despois de diversos casos nos que estivo en cuestión o destino que deu o ente provincial a cartos comunitarios.
O eurodeputado socialista José Blanco preguntou por aquel encontro de Baltar con Juncker e por posibles investigacións comunitarias sobre o destino que a Deputación de Ourense dá a fondos europeos
A resposta do presidente da Comisión Europea, tamén por escrito, chegou este martes e nela dise que Juncker “saudou brevemente ao Sr.D. Manuel Baltar, con motivo das reunións da Semana Europea das Rexións e Cidades de 2018, o 8 de outubro de 2018, así como a outros moitos representantes das rexións e cidades de Europa”. A contestación de Juncker engade que a Comisión Europea “non ten coñecemento de ningunha investigación” relativa ao uso dos fondos Feder en Ourense “nin no período 2007-2013 nin no período 2014-2020” e matiza que, sobre posibles investigacións por parte da Oficina Europea de Loita contra a Fraude (Olaf), “non pode pronunciarse sobre ningún caso que poida estar ou non investigándose actualmente”.
Juncker tamén lembra que a Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (Edusi) que presentou Ourense no seu momento para intentar obter fondos comunitarios “non foi seleccionada pola autoridade de xestión xa que non acadou a puntuación mínima nas convocatorias”.