A historia recente do PSdeG ten tres datas clave para entender os seus éxitos e fracasos políticos do seu expediente no que vai de século. A primeira é dos últimos anos do século anterior, o 10 de outubro de 1998, xornada na que Emilio Pérez Touriño se impuxo polo 60% dos votos na elección da secretaría xeral no Congreso Nacional Extraordinario no que competía fronte a Miguel Cortizo despois de que, no último momento, Abel Caballero retirase a súa candidatura. A segunda foi o 28 de febreiro de 2009, xornada de reflexión das eleccións galegas na que unha xuntanza en Lugo de dirixentes do partido encabezados por José Blanco sinalou a Pachi Vázquez para remudar o daquela presidente da Xunta e recompoñer o partido se, como finalmente sucedeu, o PP de Alberto Núñez Feijóo lograba a maioría absoluta.
A terceira destas datas é a do 18 de marzo de 2016, cando José Ramón Gómez Besteiro certificou a súa dimisión como secretario xeral por mor das imputacións ditaminadas pola xuíza Pilar de Lara en procesos que seguen vivos, mais sen apenas avances. Aquel día non foron poucos os dirixentes e militantes que viron esvaer a posibilidade de artellar unha opción electoral competitiva fronte aos de Feijóo e, ao tempo, observaron recruar as disesións internas que o período de Vázquez, que gañara o Congreso de 2012 por 33 votos, non foi quen de minorar. Abríase así un período de interinidade de máis dun ano que, agora si, se aproxima á súa fin. Non en van, o reloxo para volver dotar o partido dunha dirección con todas as competencias estará oficialmente en marcha dende a vindeira semana.
Os períodos de Vázquez e Besteiro non deron recomposto o partido tras o mandato de Touriño, finalizado coa perda do Goberno en 2009
Tras recuperar as súas competencias para convocar as primarias á secretaría xeral, a xestora que dirixe provisionalmente o PSdeG dende a marcha de Besteiro aprobou a pasada fin de semana o calendario que culminará co décimo terceiro Congreso Nacional da formación. Ese cronograma contempla que entre os días 4 e 5 de setembro, os próximos luns e martes, as persoas que queiran aspirar á secretaría xeral rexistren as súas precandidaturas. Será nese momento cando, agás sorpresas de última hora, confirmen as súas intencións Gonzalo Caballero, Xoaquín Fernández Leiceaga e Juan Díaz Villoslada, que durante este mes de agosto veñen desenvolvendo diversos actos coa militancia coa condición non formal de precandidatos ao liderado.
Os vindeiros días 4 e 5 os aspirantes á secretaría xeral terán que formalizar as súas precandidaturas
Ademais das datas claves do proceso a xestora deu tamén o seu visto e prace a un dos aspectos que xerou suspicacias en sectores do partido: a porcentaxe de avais da militancia que os aspirantes precisan para poderen ser finalmente candidatos. Nesta elección aínda rexerá o limiar do 10% -uns 1.000 apoios, toda vez que o censo das últimas primarias federais foi de 10.394 militantes- e non se aplicarán, daquela, as modificacións introducidas no último congreso federal, que apostou para as federacións polo 2% de avais e a introdución da posibilidade dunha segunda volta. As dúbidas sobre este aspecto quedaron resoltas a efectos prácticos o pasado luns, cando o secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, deu o seu visto e prace sen mudanzas ás normas e ao calendario galegos nunha xuntanza coa presidenta da xestora, Pilar Cancela.
Pedro Sánchez vén de dar o seu visto e prace ás normas do proceso, no que Caballero, Villoslada e Leiceaga precisarán uns 1.000 avais para seren candidatos ao liderado
Deste xeito, segundo o previsto o nome do novo secretario xeral coñecerase o vindeiro 8 de outubro, data elixida para as votacións. O resto da dirección do PSdeG será elixida no Congreso Nacional fixado para os días 27, 28 e 29 dese mesmo mes, ratificou Cancela.
Coas regras de xogo xa fixadas é agora a quenda, daquela, para Caballero, Leiceaga e Villoslada, que nos últimos días veñen debullando xa as primeiras propostas en clave interna e tamén as primeiras críticas aos seus contrincantes. Así, por exemplo, o aspirante vigués advertía a pasada fin de semana de que a súa é unha candidatura "autónoma", da "base" e sen "baronías" por tras. Villoslada, pola súa banda, apostaba por "revitalizar" as estruturas comarcais do partido e dotalo dunha estrutura máis "moderna", mentres que Leiceaga se "comprometía" este mesmo martes a convocar "un Comité Nacional Galego" cada tres meses" para "garantir a participación da militancia".