O PSdeG chama a facer a "revolución municipal" a través do medio cento de mozos candidatos o 28M

Valentín González Formoso, cos candidatos mozos do PSdeG, en Santiago CC-BY-SA PSdeG

O PSdeG e as Xuventudes Socialistas de Galicia (XSG) chamaron este venres a facer a "revolución municipal" a través do medio cento de candidatos mozos que concorrerán nas listas do partido nas eleccións municipais que se celebrarán o vindeiro 28 de maio.

O acto celebrado na Sala Sónar de Santiago contou coa participación do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, o secretario xeral de JSE, Víctor Caamaño e tamén interviu o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, quen destacou a importancia de que a xente moza participe en política e se preocupe dos asuntos públicos. 

Valentín González Formoso, cos candidatos mozos do PSdeG, en Santiago CC-BY-SA PSdeG

Formoso agradece o "compromiso e traballo incansable" da xente moza no PSdeG nunha etapa vital onde "destaca a dificultade asumir estas responsabilidades" 

Formoso dirixiuse aos candidatos menores de 30 anos que forman parte das listas socialistas, que son tanto militantes do partido, da organización xuvenil ou independentes, para agradecerlles o seu “compromiso e traballo incansable” coa súa veciñanza, máis nunha etapa vital onde "destaca a dificultade asumir estas responsabilidades".

Formoso gabou a “fortaleza” dunha xente nova que sofre problemas. Entre eles nomeou o da saúde mental, "campo no que cada vez hai máis conciencia, pero no que a Xunta segue sen dar cobertura coa peor media de especialistas per cápita do Estado". 

Tamén se referiu ás dificultades no acceso á vivenda, asunto para o cal detacou que o Goberno central está a impulsar unha nova Lei de Vivenda, ou dun “mal endémico para Galicia” como é a emigración, que agora dáse co aliciente de que os que marchan son “a xeración mellor formada da historia”, alegou.

O líder do PSdeG agradeceu ás XSG a organización do evento e comprometeuse a “seguir traballando conxuntamente” para corrixir as eivas que ten o país no campo da mocidade, co obxectivo final de que “poidan desenvolver o seu talento e crear o seu proxecto de vida na súa terra”.

Membros das XSG, no acto na Sala Sónar en Santiago CC-BY-SA PSdeG

Pola súa banda, Xurxo Doval, como secretario xeral das Xuventudes Socialistas de Galicia, amosou o “orgullo” que senten na organización ante unha nova xeración de socialistas que “veñen con ganas de comer o mundo”. Aos candidatos e candidatas mozas do PSdeG agradeceulles a súa “valentía” para “abandonar a comodidade dos 140 caracteres” de Twitter e atreverse “a mudar algo, por pequeno que sexa” nos seus concellos.

“Así que saíde a reivindicar o momento que nos corresponde, a facer a revolución municipal”, concluíu así dirixíndose directamente aos membros mozos das candidaturas do PSdeG.

"O Goberno central vaise envocar con Galicia ante o 28M"

Ademais, neste sábado, Formoso reivindicou o PSdeG como "a columna vertebral da ilusión" e avanzou que o Goberno central vaise "envorcarse" con Galicia ante o 28M. O secretario xeral dos socialistas galegos sinalou que Pedro Sánchez volverá a visitar a comunidade en precampaña, antes de viaxar a Estados Unidos para verse con Biden.

Formoso acompañou a portavoz do Goberno de España, Isabel Rodríguez, durante a súa visita a Santiago de Compostela, onde visitou a Praza de Abastos, onde tamén a acompañaron o alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo, así como o delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, ou o secretario provincial do PSdeG na Coruña, Bernardo Fernández Piñeiro. 

Formoso, Bugallo, Isabel Rodríguez ou Besteiro posan ante a Catedral de Santiago CC-BY-SA PSdeG

Rodríguez eloxiou aos alcaldes e alcaldesas socialistas que son “a mellor tarxeta de presentación do PSOE”, que levan “escoitando de primeira man” as necesidades dos seus veciños e veciñas durante os últimos catro anos e “que estaban a pé de obra” durante o peor momento da pandemia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.