O PSdeG cre que o presidente electo de México constata que Feijóo "mente" sobre Pemex

Peña Nieto, con Rajoy en Moncloa © Goberno de España

Ratificou o presidente electo de México os contratos de Navantia e Barreras para construír senllos buques hoteis? Segundo o PP e a Xunta, sen dúbida e para o candidato conservador á reelección na Presidencia da Xunta, "o de Pemex é un exemplo da capacidade dalgúns pero a verdade colocará ao PSOE no seu sitio: na oposición", proclamou o pasado luns durante un mitin. A visita do priísta Enrique Peña Nieto a Madrid para reunirse con Mariano Rajoy era vista polos populares como a oportunidade para disipar todas as dúbidas a respecto destas posibles contratacións, pero o dirixente centroamericano optou por unha resposta tan diplomática como a propia visita. Despois de asegurar a través dun comunicado que ve con bos ollos a operación chegou a España e comprometeuse a "continuar coas xestións" entre Pemex e os estaleiros galegos, sen aclarar, por exemplo, se a construción dos barcos ten aínda que pasar a peneira dunha licitación na que compiten outras empresas, como asegura a propia petroleira.

Mentres que os conservadores xa esixen "desculpas" a socialistas e nacionalistas polo seu "odio" ao poñer en dúbida a palabra de Feijóo, dende a sede do PSdeG ven ratificadas as súas dúbidas. "Como partido que vai liderar o goberno de progreso a partir do 21 de outubro temos o máximo interese en que eses contratos se concreten", di o secretario de organización dos socialistas, Pablo García, que, non obstante, ve "acentuadas" as dúbidas tras as declaracións de Peña Nieto. "Se hai que continuar as xestións, que foi o que dixo, é que non hai contratos", porque "con xestións non se constrúen barcos". "Feijóo pídenos un auto de fe e, por desgraza, nestes tres anos e medio xa tivemos moitos": "todos se lembran dos 1.500 postos de traballo da planta de baterías de Mitsubishi" ou dos milleiros de empregos que ía crear "a fábrica de coches eléctricos en Ourense", que mesmo chegou "a recoller currículos".

O PSdeG coida que é Feijóo "pon en perigo" os contratos ao dalos por feitos antes de tempo

Nun sentido semellante exprésase a socialista ferrolá Beatriz Sestayo, candidata número tres pola Coruña, quen non dubida de que arredor dos contratos de Pemex se está a desenvolver toda unha "campaña mediática baseada en mentiras". Nas sucesivas campañas electorais que se desenvolveron dende o retorno do PP á Xunta, lembra, os populares prometeron "un centro de reparacións navais" para Ferrol que aínda non se puxo en marcha e un dique flotante que conta "con cero euros" nos Orzamentos do Estado para ser construído. Os anuncios sobre Pemex, di, só pretenden " desviar a atención" a respecto dos incumprimentos previos pero "o que existe é un acordo sometido a condicións suspensivas" para participar nun concurso público xunto "outras 21 empresas". "Esta é a realidade", enfatiza" a parlamentaria.

Neste contexto Sestayo sae tamén ao paso das críticas de Feijóo ao PSdeG polos posibles prexuízos que as dúbidas sobre os contratos lles poidan causas aos estaleiros. "Dio Feijóo, que quere ganar as eleccións a costa de Pemex", dando por feitos os contratos cando aínda non o están, actitude que, afirma, é a que "pon en perigo a conclusión das xestións" xa que el mesmo "sabe que hai varias ofertas". Neste sentido, asegura, se o PSdeG chega á Xunta tras o 21-O apostará por "dicir a verdade" en relación a Pemex e "realizar as xestións con transparencia" para que poidan pecharse con éxito.

Peña Nieto, con Rajoy en Moncloa © Goberno de España
Sestayo e García, en rolda de prensa CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.