O Grupo Municipal Socialista alerta do “despropósito legal e administrativo” de situar como xefe de brigada, mediante unha adscrición temporal, a un funcionario que xa está cumprindo outras funcións. Trátase dunha "solución improvisada que non garante nin a operatividade nin a seguridade do dispositivo para salvar a súa imaxe", critica o PSdeG
O Concello de Lugo leva todo o verán tentando constituír unha brigada municipal contra incendios forestais, de momento sen ser quen de facelo. O anterior goberno municipal de PSdeG e BNG rexeitara conformar este equipo atentendo ás moitas eivas de funcionamento que presenta o modelo defendido pola Xunta, denunciado por "ineficaz e precario". Porén, tras a moción de censura que grazas a unha concelleira tránsfuga levou ao PP á Alcaldía da cidade, o novo Executivo de Elena Candia situou a creación da brigada como un dos seus obxectivos, criticando a socialistas e nacionalistas.
Despois de máis de dous meses de verán, a brigada municipal segue sen ser oficialmente constituída, debido á carencia dun xefe de brigada, figura imprescindible nun equipo que conta ademais cun peón condutor e tres peóns. Despois de que a persoa inicialmente seleccionada como xefe de brigada abandonase o proceso para incorporarse á brigada doutro concello e de que non prosperasen outras vías de contratación, o Concello optou por adscribir temporalmente a un funcionario que xa desempeña funcións como xefe de servizo para cubrir formalmente a Xefatura da brigada.
Os socialistas poñen o foco en que a cuestión "afecta directamente á seguridade da cidadanía" e destaca que "non estamos ante un problema administrativo menor. Estamos falando de prevención e extinción de incendios forestais"
O Grupo Municipal Socialista no Concello de Lugo denuncia que Candia "recorreu a unha solución improvisada que non garante nin a operatividade nin a seguridade do dispositivo para salvar a súa imaxe". “Pretender solucionar sobre o papel as dificultades para constituír a brigada recorrendo a unha adscrición temporal non pode ser a resposta dun Goberno responsable ante unha emerxencia que require persoal formado, estable, especializado e dispoñible”, subliña Ana González Abelleira, portavoz adxunta socialista.
González Abelleira cualifica de “auténtica chapuza” a manobra, colocando no posto, mediante unha adscrición temporal, a un funcionario que ademais fora responsable do propio proceso selectivo. “É difícil atopar un exemplo máis claro da maneira de gobernar de Elena Candia: cando a súa propaganda choca coa realidade e o procedemento non lle permite conseguir a fotografía que buscaba, improvisa unha saída a medida sen importarlle as dúbidas que poida suscitar desde o punto de vista legal nin a imaxe que transmite á cidadanía”, di.
O Grupo Socialista lembra que o anterior Goberno municipal decidiu non constituír esta brigada despois de analizar as deficiencias do modelo imposto pola Xunta
Os socialistas poñen o foco en que a cuestión "afecta directamente á seguridade da cidadanía" e destaca que "non estamos ante un problema administrativo menor. Estamos falando de prevención e extinción de incendios forestais". O PSdeG lucense esixe a Candia que explique "como se produce esta decisión, que garantías xurídicas a avalan e como pode acabar dirixindo a brigada unha persoa que previamente foi responsable do proceso para seleccionar a súa xefatura. Esta é a súa forma de xestionar: sen planificación, sen seriedade e forzando solucións de última hora para intentar salvar un anuncio político".
O Grupo Socialista lembra que o anterior Goberno municipal decidiu non constituír esta brigada despois de analizar as deficiencias do modelo imposto pola Xunta. Un modelo denuciado por precario, con contratos de tres meses, con equipos creados moitas veces xa iniciado o verán e que polo tanto non pode realizar correctamente a función de prevención que ten encomendada. E criticado ademais por ineficaz e inseguro, pois o persoal recibe unicamente unha formación presencial de 16 horas, insuficiente para loitar contra os novos incendios de sexta xeración. Ademais, as propias precarias condicións da contratación levan a unha competencia entre concellos que fan que moitas veces as brigadas queden sen traballadores ou non poidan ser constituídas, como sucedeu en Lugo.
“O tempo deunos a razón. Candia utilizou a decisión do anterior Goberno para facer oposición desde o Goberno e presentar como unha suposta falta de vontade política o que era unha decisión baseada en criterios técnicos e de seguridade. Agora vemos que nin sequera coa súa vontade de crear a brigada son capaces de poñela en funcionamento”
“O tempo deunos a razón. Candia utilizou a decisión do anterior Goberno para facer oposición desde o Goberno e presentar como unha suposta falta de vontade política o que era unha decisión baseada en criterios técnicos e de seguridade. Agora vemos que nin sequera coa súa vontade de crear a brigada son capaces de poñela en funcionamento”, denuncia o Grupo Socialista.
"O problema non é que Lugo non queira colaborar na prevención. O problema é que a Xunta pretende que os concellos asuman mediante convenios temporais e precarios unha responsabilidade que debe estar sustentada por un servizo público profesional, estable e suficientemente dotado e Candia traga con iso poñendo os intereses do seu partido por riba dos da cidadanía lucense”, di González Abelleira.
O Grupo Municipal Socialista reclama á Xunta que abandone este modelo e impulse unha "reforma profunda" do sistema de prevención e extinción forestal cara a "un servizo público profesionalizado, estable, con persoal suficientemente formado, medios adecuados e capacidade para traballar durante todo o ano"
"A súa aposta por defender acriticamente un modelo da Xunta que está demostrando ser precario e difícil de executar levou a Lugo a chegar a finais de agosto sen unha brigada operativa. Isto non é xestión: é improvisación. E ante os incendios, improvisar pode ter consecuencias moi graves”, conclúe a voceira adxunta.
O Grupo Municipal Socialista reclama á Xunta que abandone este modelo e impulse unha "reforma profunda" do sistema de prevención e extinción forestal cara a "un servizo público profesionalizado, estable, con persoal suficientemente formado, medios adecuados e capacidade para traballar durante todo o ano, reforzando a prevención e non limitándose a reaccionar cando o incendio xa se iniciou".