O PSdeG denuncia vínculos coa corrupción e o maltrato en entidades que optan á xestión dun centro de menores da Xunta

Detalle dun dos cuartos do centro de Montealegre antes das últimas obras © Imaxes facilitadas pola Xunta aos contratistas

A xestión privada do centro de menores de Montealegre, que a Xunta mantivo pechado durante seis anos nos que investiu case 2 millóns de euros públicos en obras, leva algo máis dun mes a tramitarse. Á contratación lanzada pola Consellería de Política Social para reabrilo como centro especializado en menores con problemas de conduta concorreron cinco entidades e empresas con sede en Madrid, Murcia ou Sevilla. Varias delas, segundo vén de denunciar o PSdeG no Parlamento, teñen vínculos co suposto financiamento irregular do PP e mais con casos de suposto maltrato a menores. O conselleiro José Manuel Rey Varela defende, non obstante, o labor destas organizacións sen entrar en máis detalles.

A socialista Noela Blanco advirte de que unha das entidades foi sinalada polo financiamento irregular do PP no caso Púnica e "denunciada por esposar, atar e illar menores"

A deputada socialista Noela Blanco, que xa censurara esta privatización e cuestionara o Goberno polo feito de que unha das empresas candidatas leve varias semanas a ofrecer postos de traballo nun centro de menores en Ourense a través de Infojobs, vén de advertir de novas sombras o proceso. Unha das entidades "seguro que a coñece, porque ten relación cos seus amigos", advertiu a Rey Varela, toda vez que a Asociación para Gestión de Integración Social (GINSO) foi sinalada por Francisco Granados, ex-número dous de Esperanza Aguirre, como vía de financiamento irregular do partido mediante facturas falsas no marco do caso Púnica. A mesma organización, advirte Blanco, xestiona un centro "denunciado polo Consello de Europa por esposar, atar e illar menores", alertas lanzadas tamén por antigos traballadores.

Fragmento da acta da mesa de contratación que examinou as ofertas presentadas para xestionar o centro de Montealegre

Outra das candidatas a xestionar Montealegre, Dianova, acumula "denuncias de Acnur, de Aministía Internacional, do Defensor del Pueblo" e mais apercibimentos do propio Goberno de España por maltrato a menores migrantes, afirma Blanco en referencia a informacións publicadas pola Cadena SER e que o xerente da entidade rexeitou no mesmo medio. A estes sinalamentos públicos, resalta a deputada, engádese que "outras dúas" das candidatas no concurso da Xunta, Diagrama e Asociación para el Desarrollo y la Integración Social, estiveron implicadas en casos de "malos tratos" ou "explotación dos traballadores". O panorama complétao "a que ten poderes paranormais" e pide persoal para o centro antes de que conclúa a contratación.

Estes, segundo Noela Blanco, son motivos máis que suficientespara que "o Grupo Socialista quede coa xestión pública", tamén en Montealegre, e para que esixa que Rey Varela "deixe de facer o avestruz". As acusacións apenas foron retrucadas en aspectos concretos por parte do conselleiro, quen non obstante resalta que estas entidades e empresas traballan en diversas comunidades autónomas, tamén "con gobernos socialistas". Ademais, advirte, este é "un modelo de xestión que sempre utilizou esta comunidade autónoma, gobernase quen gobernase".

No que atinxe ao futuro de Montealegre Rey Varela cefende que "vai ser un centro de referencia" que "vai ter especialidades técnicas únicas que non existían" como "psicólogos clínicos, piquiatras, enfermeiros, traballadores sociais e médicos". Como informou este diario, o propio prego de condicións do contrato contempla a posiblidade de que o persoal médico, de enfermaría e psiquiatría traballe en Montealegre como autónomo, o que Blanco interpreta como unha "potenciación do traballo en precario" por parte da propia Xunta, toda vez que a devandita empresa que busca perfís profesionais como os solicitados para Montealegre ofrece salarios de apenas "setecentos euros ao mes".

O conselleiro Rey Varela, durante a sesión de preguntas ao Goberno no Parlamento © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.