O PSdeG desoe a Ferraz e activa as primarias propostas por Pachi Vázquez

Vista do Comité Nacional do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

A dirección federal do PSOE só atopou dous aliados no Comité Nacional do PSdeG. As máis de 300 persoas que emitiron este sábado o seu voto no máximo órgano dos socialistas galegos entre congresos aprobaron por unha clarísima maioría -só houbo dez abstencións- que o liderado do partido se renove nun proceso no que poida participar toda a militancia, como propuxo o secretario xeral, Pachi Vázquez. Os afíns e os contrarios a Vázquez coincidiron nunha votación que, agora sen matices, abre todo un desafío entre o socialismo galego e a atribulada cúpula do PSOE, que ata o momento concentraba boa parte dos seus esforzos en tentar apagar o lume do PSC.

A executiva federal que encabeza Alfredo Pérez Rubalcaba -e da que o propio Pachi Vázquez forma parte- ten sobre a mesa un desafío que xa ten datas: o 1 de xuño a militancia do PSdeG estará chamada ás urnas para designar secretario ou secretaria xeral. Despois, o 6 de xullo, serán os delegados e delegadas do congreso extraordinario -que se convocará nun Comité Nacional o 11 de maio- os encargados de ratificar o que antes se elixiu por sufraxio universal. "Non dubidedes de que os delegados cumprirán", augurou Vázquez a porta pechada ante os seus, xusto antes da votación. O que elixa o congreso será o indicado polas primarias porque "somos un partido complexo, que mo digan a min", pero "un partido de xente honrada e seria".

As primarias tiveron só dous votos en contra

Nesa mesma intervención ante o caldeado e concorrido Comité Nacional Vázquez amosouse convencido, como antes o fixera en público, de que a súa proposta encaixa "dentro dos estatutos" nacionais e federais. Admite, así e todo, que esta nova fórmula pode xerar "dúbidas", se ben a disxuntiva só é unha: "que non fale ninguén ou que falen todos", ilustrou. "Somos nós os que temos que mandar a mensaxe", tamén cara a Madrid. Antes, na súa intervención en aberto, xa advertira de que Ferraz "non pode tapar o sol coas mans", que é o mismo que dicir que non pode ignorar "que se están movendo cousas, que a militancia demanda cousas" a xeito de "verdadeiro clamor". "Un proceso de renovación que non conte coa militancia está condenado ao fracaso".

Vázquez mantén que as primarias consultivas encaixan nos estatutos e advirte a Ferraz de que "non pode tapar o sol coas mans"

Malia apoiar a iniciativa do secretario xeral tras o comité permanecen as voces internas que ven nesta operación unha aposta de Vázquez por manterse no cargo o maior tempo posible, convencidos de que finalmente a dirección federal freará a elección e esta non se poderá celebrar ata despois da conferencia política do PSOE, a finais de ano. Para estas voces críticas tamén houbo recado de Vázquez durante o debate a prota pechada. El, lembra, gañou "dous congresos" tras os cales "os que agora piden" primarias o criticaron "sistematicamente" nada máis rematar os procesos congresuais.

Caamaño, a favor; Blanco, en contra

Entre os dirixentes que apoian as primarias pero apostan por celebralas nun clima de consenso con Ferraz está o primeiro candidato ao proceso, o secretario xeral do PSdeG de Lugo e presidente da deputación nesa provincia, José Ramón Gómez Besteiro, quen tomou a palabra ante o Comité Nacional para ratificar que se dispón a "poñerse a traballar nun proxecto social para o PSdeG" e, tras a xuntanza, considerou "responsable" a iniciativa de Vázquez. "Eu non podo falar por Ferraz", evidencia, se ben subliña que as primarias tiveron un "apoio maioritario".

Besteiro ve "responsable" a iniciativa de Pachi Vázquez e subliña que tivo un apoio "maioritario"

Do lado das primarias sitúase tamén o líder dos socialistas coruñeses, Francisco Caamaño, para quen o feito de que a militancia elixa directamente secretario ou secretaria xeral "chámase demoracia". "Quero lembrar o artigo 6 da Constitución", subliñou ante a prensa, para lembrar que no texto constitucional, "ao falar dos partidos, dise que a súa estrutura e funcionamento deberán ser democráticos". Unha opinión contraria é a do ex ministro de Fomento e antigo número dous do PSOE, José Blanco, quen reclama un procedemento "regrado" para renovar o liderado do partido. "Non se pode xerar unha frustración facendo cousas que non responden ás normas; frustracións non, por favor, que o Partido Socialista xa tivo demasiadas", concluíu.

Vázquez e membros da Executiva, ao inicio do comité CC-BY-NC-SA PSdeG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.