Os populares ourensáns rexeitan valorar a denuncia dos socialistas, que din estar preparando “as correspondentes accións legais ante a fiscalía”
O PSdeG vén de denunciar publicamente “unha vergoñenta trama do PP para a compra de votos no municipio ourensán de Cortegada”, acusación que di estar avalada por gravacións. Nun dos audios divulgados polo PSdeG escóitase a quen os socialistas presentan como “un traballador da mancomunidade do Ribeiro que actúa por intermediación directa do alcalde de Cortegada”, o popular Avelino de Francisco, ofrecendo cartos ao seu interlocutor: “Díxenche que o alcalde che pode dar cen euros por voto”. Os socialistas atribúen a “trama” directamente ao presidente provincial do PP e da Deputación de Ourense, Manuel Baltar. Consultado por este diario, o PP provincial de Ourense rexeita valorar a denuncia socialista.
O PSOE da provincia de Ourense divulgou na tarde deste xoves un comunicado denunciando a “trama caciquil elefantiásica presidida polo clan Baltar”, do que lembra a condena por prevaricación de Baltar pai e o risco de que Baltar fillo perda o control da Deputación tras as municipais do domingo. Xunto coa nota de prensa, os socialistas divulgaron dúas gravacións que din avalar a súa denuncia.
Nunha delas escóitase a un home que chama por teléfono a quen os socialistas presentan como un traballador da mancomunidade do Ribeiro da que forma parte Cortegada lembrándolle unha suposta conversa previa que terían mantido en persoa nun bar. O suposto traballador público, que non semella ser consciente de estar sendo gravado, acaba dicíndolle ao seu interlocutor: “Díxenche que o alcalde che pode dar 100 euros por voto”. E engade noutro momento que “se non che pode dar 100 dáche 50”.
Noutra das gravacións, unha muller cóntalle a outra, dando o seu consentimento para gravala, unha suposta visita á súa casa dunha terceira persoa, unha candidata popular. Nesa visita, conta a muller na gravación, a candidata ofreceulle alimentos a cambio de cubrirlle ela o voto por correo.
Os socialistas atribúen a "trama caciquil" ao propio Baltar ante o risco de perder o control da Deputación tras as eleccións do domingo
Os socialistas aseguran contar con máis gravacións similares, estenden os feitos a “toda a provincia” e din “ultimar as correspondentes accións legais ante a fiscalía”. Este diario contactou co PP provincial de Ourense para coñecer a súa versión dos feitos pero o partido declinou facer valoracións ao respecto.
En Cortegada, onde os socialistas sitúa as gravacións divulgadas este xoves, é alcalde desde 2015 polo PP Avelino de Francisco, que fora rexedor os oito anos previos polo PSdeG. No seu momento xustificou o seu cambio de formación polas “axudas da Xunta e da Deputación”.