O PSdeG insta a Xunta a aclarar se tras a "chapuza" da venda dos helicópteros prepara un contrato "á medida"

O Pesca 1, un dos helicópteros vendidos pola Xunta a Inaer © Gardacostas de Galicia

A lea pola venda dos dous helicópteros de Gardacostas que, segundo o Consello de Contas, a Xunta realizou sen estudar a súa "repercursión", vai regresar ao ámbito político. O fracaso da Consellería do Mar na súa primeira busca dunha empresa que se faga cargo do servizo a partir do vindeiro outubro, concurso que se viu obrigada a declarar deserto malia poñer sobre a mesa 40 millóns de euros para seis anos, suscita críticas na oposición por ser a culminación dunha "chapuza temeraria", en verbas da deputada do PSdeG Loli Toja, pero tamén dá lugar a unha sospeita. O Goberno galego, di a parlamentaria, semella estar a piques de tecer "un traxe á medida" para Inaer, a empresa agora propiedade da multinacional británica Babcok que foi, precisamente, quen mercou os helicópteros públicos no ano 2012.

Como veu informando Praza.gal, aquela operación de hai media década foi presentada polo Goberno galego como unha vía para abaratar custos de mantemento do servizo, xa que Inaer quedou cos dous aparellos -o Pesca 1 e o Pesca 2- que a propia Xunta mercara en 2005 a cambio de operar con eles durante cinco anos máis. Por mor desa venda, a Consellería tivo que afrontar agora esta nova contratación xa sen helicópteros de seu. A súa propietaria, Inaer, non concorreu ao concurso e a única que se presentou, a compañía ferrolá Seprogal, non cumpriu os requisitos de "capacidade, solvencia e habilitación". Tras este esvarón, como adiantou este diario, a Xunta lanzou unha consulta entre as empresas do sector para coñecer o "custo real" do servizo e tentar atinar á segunda.

A Xunta non atopou empresa para facerse cargo do servizo de salvamento marítimo tras vender os helicópteros que tiña

Esta sucesión de acontecementos é para Loli Toja a mellor demostración de como "unha xestión chapuceira e temeraria" pode acabar en "poñer en perigo a continuidade dos helicópteros de Salvamento Marítimo". Para a parlamentaria do PSdeG o lanzamento da consulta ao sector só pode ter unha de dúas causas posibles. "Ou ata agora estabamos contratando un servzio sen saber o seu custo real", sinala, ou polo contrario a Consellería "está preparando un traxe á medida da empresa" Inaer, "esa mesma empresa que decidiu non concorrer ao concurso" deserto. Nun contexto de "preto de 100 sinistros marítimos en Galicia no que vai de século" Toja advirte o Executivo de que "non se pode xogar coa seguridade" para "facerlle un traxe á medida a unha empresa.

Fragmentos da consulta da Xunta ás empresas para coñecer o "custo real" do servizo

Toda a oposición uniuse para pedir a comparecencia urxente do subdirector de Gardacostas no Parlamento

Neste contexto Loli Toja anuncia unha batería de iniciativas parlamentarias para pedir contas á Xunta a respecto dun servizo "no que desmostraron unha absoluta incapacidade de xestión", toda vez que a orixe última do problema é "malvender por 13 millóns á mesma empresa que prestaba o servizo" uns helicópteros que custaran 27 millóns. É por iso que a deputada vén de formular unha pregunta urxente para que a Consellería do mar aclare "que vai facer para garantir a continuidade da prestación do servizo de Gardacostas" e mais unha proposición non de lei para reclamar que o salvamento non pase a ser prestado, de agora en diante, por helicópteros máis antigos.

A estas iniciativas do PSdeG únese outra, neste caso secundada por toda a oposición cos seus tres voceiros á fronte e cadanseus responsables en materia pesqueira. Luís Villares (En Marea), Xoaquín Fernández Leiceaga (PSdeG) e Ana Pontón (BNG) poñen a súa sinatura nunha solicitude de comparecencia urxente do subdirector xeral de Gardacostas de Galicia, Lino Sexto. O cargo da Consellería do Mar debe "explicar", din, "a situación na que se atopa a continuidade do servizo, dada a inquedanza que se creou na cidadanía" ante a posibilidade que o novo contrato non estea operativo cando remate o actual, o vindeiro mes de outubro.

Lino Sexto, subdirector xeral de Gardacostas © Gardacostas de Galicia
Loli Toja (PSdeG) amosa en rolda de prensa o documento da consulta ás empresas CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.