O PSdeG mantén o seu dominio nas cidades, a pesar de que o PP concentra o voto perdido por Ciudadanos

Casa do Concello de Vigo Dominio Público zarateman

O PSdeG-PSOE foi a forza más votada nas sete cidades galegas, como xa fixera en abril. Os socialistas gañan en todas as urbes agás Santiago de Compostela, onde a vitoria corresponde ao PP. En xeral, o PSdeG mantivo os seus apoios, mentres que os populares creceron moderadamente, aproveitando a forte caída de Ciudadanos, que perdeu máis da metade dos seus votos.

Polo demais, leves descensos para En Común, que mantén a terceira posición en todas as urbes agás, precisamente, Compostela, onde é adiantado polo BNG, que sobe ao redor de tres puntos na Galicia urbana. Un ascenso semellente ao que experimenta VOX, que tamén se nutre dos votos perdidos por Ciudadanos.

Vigo

Os socialistas repiten vitoria na cidade olívica, aínda que moi lonxe dos rexistros que acada Abel Caballero nos comicios municipais. Con todo, o seu 36,5% mellora en 15 puntos o resultado do PP que, iso si, recupera a segunda praza, que perde En Común-Unidas Podemos, que rolda o 19%.

A Coruña

Na Coruña a diferenza entre PSdeG (32%) e PP (27%) é menor, como tamén e inferior o resultado de En Común (14%). O BNG chega aquí ata o 8%.

Ourense

Ampla vitoria socialista na cidade das Burgas, crecendo un punto con respecto ao 28 de abril. O importante ascenso do PP non lle permite achegarse máis que a seis puntos do PSdeG. En Común mantén a terceira praza, por diante de VOX.

Lugo

Lugo foi a urbe cun resultado máis axustado entre as dúas primeiras forzas. Apenas 21 votos separaron a PSdeG e PP, permitindo aos socialistas manter a primeira posición. En Común, VOX e BNG seguen en porcentaxe de apoio. VOX acada o 8,7% dos votos, o seu mellor resultado nas cidades

Compostela

Como dicíamos, Santiago foi a única urbe na que o PP foi a forza máis votada, con tres puntos de diferenza sobre o PSdeG. O BNG, terceira forza, recupera a porcentaxe de voto que tiña no ano 2011.

Pontevedra 

Pontevedra mantén a tendencia xeral da maior parte das urbes, con vitoria socialista, ascenso do PP e forte caída de Ciudadanos. O BNG é aquí cuarta forza, por detrás de En Común e por riba de VOX.

Ferrol

Tamén en Ferrol gaña o PSdeG, superando a un PP que crece e a En Común, que rolda o 16% dos apoios. VOX acada aquí o seu mellor resultado nas urbes (xunto con Lugo) cun 8,7% de apoios e superando ao BNG.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.