O PSdeG promete que recuperará a gratuidade dos libros de texto

Pachi Vázquez, xunto a Mar Barcón e Francisco Caamaño, no acto sectorial con pais e nais de alumnos © PSdeG-PSOE

Pachi Vázquez, candidato socialista á presidencia da Xunta, comprometeuse este domingo na Coruña a que nos cen primeiros días dun hipotético goberno dirixido por el suprimirá os concertos públicos coas escolas que segreguen por sexos, como xa adiantara este sábado no Comité Nacional do PSdeG-PSOE. Así mesmo, Vazquez prometeu que recuperará a gratuidade dos libros de texto, unha medida da que se beneficiarían "o 90% das familias" e á que se destinarían os tres millóns de euros anuais que a Xunta aforraría ao suprimir as subvencións aos colexios segregadores.

Vázquez participou nun encontro con pais e nais de alumnos afectados pola suba do IVE no material escolar, no que estivo acompañado dos principais dirixentes do seu partido na Coruña, dende Mar Barcón a Francisco Caamaño pasando por Xosé Luís Méndez Romeu ou Francisco Cerviño. O candidato socialista salientou que hoxe en día o custe por alumno para unha familia media en Galicia ascende aos 540 euros, o que “fai mais necesarias que nunca as axudas a libros e comedores”.

O PSdeG destinaría a gratuidade dos libros de texto os tres millóns de euros anuais que a Xunta aforraría ao suprimir as subvencións aos colexios segregadores

O líder do PSdeG-PSOE cargou contra a xestión do Partido Popular e advertiulle a Feijóo que “o modelo de ensino público en Galicia non é discutible e a educación non é negociable”, e reprochoulle que durante tres anos e medio de goberno teña reducido o profesorado en Galicia en 2.500 mestres, deteriorando claramente a calidade da educación dos rapaces e rapazas.

Os socialistas centrarán a súa campaña neste tipo de actos sectoriais con colectivos sociais e entidades, como xa adiantou este sábado Praza.

Imaxe do acto do PSdeG-PSOE coas asociacións de pais e nais © PSdeG-PSOE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.