O PSdeG, "seguro" de que o desprazamento de facturas da Xunta falseou o déficit

Losada, durante a comparecencia CC-BY-SA Praza Pública

"Seguro que si". Unha vez pasadas as eleccións galegas e mentres no seo do partido se dan os primeiros pasos cara ao congreso extraordinario o PSdeG retomaba este venres a actividade dende o seu grupo parlamentario -formalmente aínda sen constituír- para lanzar a súa alerta sobre o desprazamento de facturas da Xunta entre exercicios contables e amosarse convencidos de que esta "enxeñaría" financeira terá a súa tradición nun incremento das cifras de déficit público. Para o ata agora voceiro socialista na Cámara, Abel Losada -descoñece aínda se recuncará- estas prácticas, admitidas por Alberto Núñez Feijóo no que atinxe ao ano 2009 por importe de 80 millóns de euros, son unha verdadeira "bomba adiada". Pero "os datos -di- van agromar".

Salienta Losada que estes traslados de facturas non só non son inocuos, senón que ademais "non é certo", como afirmou o presidente en funcións, que "sempre se fixese". "Facíano os gobernos de Fraga, non o facía o goberno do presidente Touriño e con Feijóo retomouse". Nesta liña, os socialistas non só reclaman explicacións polos 80 millóns de 2009, senón tamén polos 400 millóns que o Consello de Contas "detecta" desprazados de 2010 a 2011. Do mesmo xeito, queren saber "cal foi a contía trasladada de 2011 a 2012", xa que "todos os indicadores amosan" que isto volve acontecer.

"Ou hai unha xestión especialmente mala ou está recollendo facturas de 2011"

Segundo a contabilidade dos dous primeiros trimestres do ano, avalada polo Ministerio de Facenda, subliña Losada, as finanzas da Xunta presentan "comportamentos atípicos" se son comparadas co resto de autonomías. Así, sinala o socialista, mentres a media de déficit das comunidades neste período estivo no 0,55%, "Galicia ten o dobre, o 1,1%". "Ou hai unha xestión especialmente mala ou está recollendo facturas de 2011". A segunda opción é pola que se inclina o parlamentario do PSdeG, dado que o incremento de gasto público a respecto do mesmo treito temporal de 2011 é do 2,7% en Galicia. "No conxunto das comunidades baixou un 7,95%".

Neste contexto Losada bota man das verbas lanzadas por Feijóo tras a súa vitoria do 21-O: "Manifestou ánimo de consenso e recoñeceu" que a súa maioría "non é un cheque en branco". Así, di, "imos formular iniciativas para que non engane máis" e para que o Parlamento teña coñecemento directo das contas públicas completas e non só das facturas "contabilizadas" polo Goberno, "nun exercicio de pretendida transparencia". Ese control parlamentario, coida, incrementaría a "confianza na actividade económica" do conxunto do país.

Losada, durante a comparecencia CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.