O PSdeG tenta levar ao Constitucional o recorte sanitario e educativo

Vázquez e o voceiro socialista, Abel Losada, presentan a petición de recurso CC-BY-NC-SA PSdeG

"O presidente que formulaba recursos permanentemente contra o anterior Goberno agora é o presidente dócil que sucumbe aos intereses do seu partido". A apenas unha semana de que entre en vigor o Real Decreto Lei que establece o novo copagamento de medicamentos para pensionistas os socialistas galegos lánzanse á última vía posible para frealo en Galicia. Nunha operación máis política que práctica, dada a maioría absoluta do PP, o seu secretario xeral, Pachi Vázquez, tentou este venres explotar a veta das contradicións gobernamentais reclamando formalmente a posta en práctica dunha "medida excepcional". "Despois de instar por todos os medios ao Goberno de Galicia e ao seu presidente" a que "asuma a responsabilidade defender os enfermos", pero tamén "os estudantes" afectados pola suba das taxas universitarias, Vázquez reclama que sexa o propio Parlamento quen tente frear o recorte pola vía do recurso de inconstitucionalidade.

Os socialistas argumentan que os reais decretos baten co Estatuto de Autonomía e coa Constitución

A reclamación do líder socialista é, esencialmente, que a Cámara faga o que xa fixo en dúas ocasións no que vai de lexislatura. Aínda con José Luis Rodríguez Zapatero na Moncloa o lexislativo galego impulsou senllos recursos para defender a Lei de Caixas e a Lei do Catálogo de Medicamentos do veto do Estado. Vázquez toma esa referencia, e tamén a doutros gobernos autonómicos como o do vasco Patxi López, para esixir que en Galicia os pensionistas non teñan que pasar por caixa cada vez que acodan á farmacia dende o día 1 de xullo.

Os argumentos legais esgrimidos polo PSdeG na súa proposta son esencialmente dous. As normas promulgadas dende os ministerios de Sanidade e Educación "invaden competencias propias" de Galicia e baten "con principios básicos como os de igualdade e universalidade dos servizos educativos e sanitarios" ou, o que é o mesmo, coa Constitución. O artigo 31 do Estatuto, que lle atribúe competencias educativas á Xunta ou o artigo 33, que fai o propio coas sanitarias, son para os socialistas algunhas das normas quebrantadas. Ademais, din, o gabinete de Mariano Rajoy está a pasar por riba da lei estatal "de cohesión e calidade do sistema nacional de saúde", aprobada en 2003, e mesmo vulnerou a Carta Magna española nas súas formas: "nas súas tramitacións non se acreditan as circunstancias de extraordinaria necesidade que xustifiquen a utilización da figura do decreto lei", aseguran.

Primeira promesa electoral

"Se o PSdeG ten a responsabilidade de gobernar, volveremos a unha situación na que os pensionistas non paguen os medicamentos"

Por todo isto forzarán a Mesa do Parlamento a posicionarse sobre un posible acordo que "facultaría a presidenta" da Cámara "e os servizos xurídicos" da institución para interpoñer o devandito recurso, o que para Pachi Vázquez é sinónimo de defender "dereitos elementais" dos "máis fables". "Catalunya faino, Euskadi faino e Andalucía faino", di Vázquez. "Só Galicia antepón os intereses do PP aos dos galegos" e por iso "apelamos xa non ao Goberno nin ao seu presidente" senón " á soberanía popular reflectida no Parlamento" para "situarse ao carón dos máis febles".

Neste contexto Pachi Vázquez lanza tamén a que é a primeira promesa electoral do PSdeG de cara ás vindeiras autonómicas. "Se dentro duns meses, cando se resolvan as eleccións, o PSdeG ten a responsabilidade de gobernar este país, unha das primeiras medidas que tomaremos será volver a unha situación na que os pensionistas galegos non paguen os medicamentos". "É posible, porque non é un custo importante", asegura. Pero, de onde sairían os 50 millóns de euros que deixaría de recadar a Xunta con esa medida? "Se o Goberno galego adoptase a decisión de impoñerlle un imposto á banca semellante ao de Estremadura, Andalucía e Canarias, ingresaríamos máis que o que se lles vai cobrar aos pensionistas". A diferenza, di, é que "a este Goberno trémelle a man" para impoñer esa taxa, "pero non para impoñerlles o copagamento aos enfermos".

Pachi Vázquez, en rolda de prensa CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.