O Consello de Contas presenta a súa fiscalización de 2019 e constata que “os índices de temporalidade continúan sendo altos, 44% en Atención especializada e 28% en primaria, observándose un incremento interanual”
En 2019, o ano previo á pandemia da COVID, no Sergas “houbo unha diminución de 464 efectivos medios de persoal propietario e un aumento de 1.013 interinos”. É o Consello de Contas, o ente independente de fiscalización das administracións públicas galegas, quen así constata a precarización das condicións laborais na sanidade pública galega no seu informe correspondente a 2019 que este venres entregou no Parlamento de Galicia.
O informe de fiscalización do Sergas en 2019 agora feito público por Contas sinala que ese ano “o número medio de profesionais que prestou servizo durante o ano 2019 foi de 39.817 o que representa un 3% máis que no ano anterior”, pero engade a antedita redución de persoal con praza, o aumento do interino e que “as contratacións temporais de eventuais e substitutos aumentaron en 450 efectivos respecto do exercicio anterior”.
A descrición do Consello de Contas da situación laboral na sanidade galega refírese a un ano no que estouraron todo tipo de protestas do persoal eventual, especialmente das enfermeiras, que mesmo chegaron a Bruxelas.
Segundo o informe de Contas, en 2019 “o persoal que ocupaba praza en propiedade representaba o 58% do total” e “os índices de temporalidade continúan sendo altos, 44% en atención especializada e 28% en primaria, observándose un incremento interanual”.
Contas censura desde hai anos que o Sergas dedica o fondo de continxencia para imprevistos a "gastos que teñen carácter previsible, fundamentalmente de persoal"
É precisamente no capítulo do persoal no que o Consello de Contas vén poñendo o foco desde hai anos cunha das súas críticas e recomendacións máis recorrentes, a de que o Sergas non orzamenta adecuadamente partidas das que é coñecedora das súas necesidades e posteriormente ten que recorrer ao fondo de continxencia para imprevistos e desviar cartos del. Así o explica Contas: “Como se vén sinalando de forma recorrente por esta institución, a constitución do Fondo de Continxencia nos créditos do Sergas supón un elemento distorsionador ao aplicarse á cobertura de gastos que teñen carácter previsible (fundamentalmente o capítulo I de gastos de persoal).