O Sergas saca a concurso as cafeterías de dous hospitais tras sete anos perdoándolle o canon á anterior adxudicataria

Hospital Abente y Lago, na Coruña © Google Street View

Sanidade pasa de argumentar que non eran rendibles a estimar un beneficio antes de impostos duns 12.000 euros ao ano

O pasado agosto un informe do Consello de Contas sobre os ingresos do Sergas polas concesións ou alugueiros de espazos públicos nos seus centros sanitarios desvelou que a Xunta leva desde 2015 perdoando o canon que debera pagar a concesionaria das cafeterías do Hospital Marítimo de Oza e do Hospital Abente y Lago, os dous na Coruña. O Goberno galego alegara ao Consello de Contas que ante as súas dificultades para convocar un novo concurso pola escasa rendibilidade do negocio pedira ao anterior adxudicatario que seguise prestando o servizo “eximíndose do aboamento do canon, dado o prexuízo económico que lle causa”. 

Tras máis de sete anos sen ingresar ese canon ou alugueiro, e catro meses despois da reprimenda pública do Consello de Contas, agora o Sergas vén de sacar a concurso a concesión para os próximos cinco anos desas dúas cafeterías ademais da do centro de especialidades do Ventorrillo. Faino cun estudo de viabilidade que estima un beneficio antes de impostos duns 12.000 euros ao ano e que fixa un canon mínimo a abonar polas empresas interesadas de 1.200 euros ao ano, 400 euros por cada unha das tres cafeterías.

Alegacións da Xunta, rexeitadas polo Consello de Contas, argumentando os motivos polos que non cobra o canon das dúas cafeterías desde 2015 CC-BY-SA Praza Pública

Segundo o informe do Consello de Contas, as concesións das cafeterías dos dous hospitais coruñeses foron adxudicadas en 2004 e 2007 e venceron hai anos, en datas que nin Contas nin o Sergas concretan. A empresa concesionaria seguiu prestando o servizo e supostamente pagando o canon correspondente ata que en 2015 a Xunta decidiu convocar un novo concurso público que fixaba un canon mínimo de 6.000 euros ao ano. 

Esa licitación quedou deserta ao non presentarse ningunha oferta e “co obxecto de dispoñer do servizo”, segundo argumentou o Goberno galego, “pedíuselle ao anterior adxudicatario que continuara coa prestación, eximíndose do aboamento do canon, dado o prexuízo económico que se lle causa”. Despois, a Xunta argumentou “dificultades” para tramitar un novo concurso entre outras cuestións pola “escasa rendibilidade das cafeterías de ambos centros”, o que se prolongou ata agora.

O estudo de viabilidade que fai o Sergas a partir dos datos da actual concesionaria di que cunha "xestión profesional" aumentarían os ingresos e manteríanse estables os gastos xerais

No novo concurso que agora vén de licitar o Sergas inclúe xunto coas cafeterías dos dous hospitais a do centro do Ventorrillo e presenta un estudo de viabilidade cun cálculo de ingresos “estimado en función dos datos facilitados pola actual concesionaria”. O estudo calcula que cunha “xestión profesional” das cafeterías habería un incremento anual dos ingresos do 5% durante os cinco anos de vixencia do novo contrato, cun similar aumento dos gastos de persoal. Pola contra, manteríanse estables os gastos xerais, de mantemento e amortización co argumento reiterado de que “cunha xestión coherente se poderían manter ou que o incremento sexa relativamente inapreciable”. 

Estudo de viabilidade económica incluído pola Xunta na licitación das cafeterías dos hospitais coruñeses CC-BY-SA Xunta de Galicia

Segundo ese estudo de viabilidade realizado a partir dos datos da actual concesionaria, o Marítimo de Oza tería uns resultados negativos antes de impostos que se compensarían cos resultados positivos das outras cafeterías. Unhas perdas que segundo o estudo do Sergas se deberían ao persoal a subrogar na cafetería dese hospital (catro empregados) fronte aos outros dous centros (dous traballadores no Abente y Lago e un a xornada completa e outro parcial no Ventorrillo).

Tras sete anos sen ingresar nada polas cafeterías, agora a Xunta reclama un mínimo de 400 euros ao ano por cada unha delas, cifra que poderán mellorar as empresas interesadas en gañar o concurso

O novo estudo económico prevé unha cifra de negocio para os cinco anos da concesión de 1,4 millóns de euros, uns 257.000 euros ao ano, dos que uns 12.000 serán beneficios antes de impostos. Con esas cifras, a Xunta reclama un canon anual mínimo do 10%, 1.200 euros ao ano, 400 euros por cada unha das tres cafeterías, o que suporá un mínimo de 6.000 euros a ingresar polas arcas públicas durante os próximos cinco anos fronte ao perdón dos pagamentos dos últimos sete anos.

Feijóo nunha visita en 2019 ao Hospital Marítimo de Oza CC-BY-SA Xunta de Galicia

Agora as empresas interesadas poderán ofrecer melloras sobre esas condicións de partida. O Sergas valorará cun 50% do total do concurso os prezos que ofrezan, cun 20% o incremento do canon mínimo que propoñan, cun 20% os investimentos que se comprometan a realizar nos locais e cun 10% as condicións laborais que ofrezan ao persoal. 

Gustouche esta información?

Editamos un xornal plural grazas ao apoio das socias e socios. Dende moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.