A Xunta ingresa 1,1 millóns de euros ao ano pola concesión de espazos para restauración, quioscos, máquinas de bebidas ou caixeiros, pero o Consello de Contas critícalle a disparidade de prazos e condicións en cada área sanitaria
O Sergas ingresa cada ano arredor de 1,1 millóns de euros polas concesións ou alugueiros de espazos públicos nos seus hospitais para cafeterías, máquinas de alimentos ou bebidas, caixeiros automáticos e quioscos ou outro tipo de tendas. Así o reflicte un informe específico que vén de facer público o Consello de Contas analizando esas actividades entre 2016 e 2018, no que se critican a disparidade de prazos e condicións en cada área sanitaria para ese tipo de contratos.
Pero o informe de contas tamén detectou “servizos que se están prestando sen o aboamento do correspondente canon, como é o caso da explotación do servizo de cafetería do Hospital Marítimo de Oza e do Hospital Abente y Lago”, os dous na Coruña. Unha situación que se vén dando, cando menos, desde 2015 ata xullo deste mesmo ano.

“Pedíuselle ao anterior adxudicatario que continuara coa prestación, eximíndose do aboamento do canon, dado o prexuízo económico que se lle causa”, argumenta a Xunta
Segundo a inspección realizada polo Consello de Contas e as alegacións formuladas pola propia Xunta este mes de xullo, nas que admite o que está a pasar, os últimos contratos das cafeterías deses dous hospitais foron asinados en 2004 e 2007 e venceron hai anos, nunha data que nin Contas nin o Sergas concretan. A empresa concesionaria seguiu prestando o servizo e supostamente pagando o canon correspondente ata que en 2015 a Xunta decidiu convocar un novo concurso público.
Esa licitación quedou deserta ao non presentarse ningunha oferta e “co obxecto de dispoñer do servizo”, segundo argumenta o Goberno galego, “pedíuselle ao anterior adxudicatario que continuara coa prestación, eximíndose do aboamento do canon, dado o prexuízo económico que se lle causa”.
Nin a Xunta nin Contas cuantifican ese “prexuízo”, nin o canon que debería pagar a empresa. Como comparación, o concurso de 2015 que quedou deserto fixaba un “canon mínimo para o primeiro ano de actividade de 6.000 euros/ano” tanto para a cafetería do Marítimo de Oza como para a do Abente y Lago.
O Sergas tentou xustificar nas súas alegacións que tras quedar deserto aquel concurso e durante estes máis de seis anos tivo “dificultades” para tramitar un novo expediente de contratación “debido á escasa rendibilidade das cafeterías de ambos centros, a aparición da pandemia da COVID-19 e a nova tipificación deste ipo de contratos na lei”, e asegura que a área sanitaria da Coruña propón incluír este expediente no seu novo plan de contratación.
Contas respondeu ao Sergas que as súas alegacións “non rebaten o contido do informe e unicamente incorpora información adicional que a entidade considera oportuna”, polo que decidiu non estimar as alegacións e manter a súa recomendación de “proceder á regularización daquelas situacións en que se vén prestando un servizo ocupando en precario un espazo de dominio público, formalizando os necesarios contratos”.
Situación xeral
Á marxe da irregularidade detectada no caso dos dous hospitais coruñeses, o informe de Contas advirte da disparidade de prazos e condicións establecidas por cada área sanitaria para este tipo de contratos de ocupación de espazos públicos por empresas privadas. Cunha gran peculiaridade que foi a adxudicación en 2018 do contrato de cafetería e máquinas expendedoras do Hospital Universitario de Ourense cuxo canon para 15 anos foi aboado nun único pago de 1,9 millóns de euros. Esa cifra fai que o importe total de canons recadados ese ano en toda Galicia ascendese a máis de 3 millóns de euros cando realmente a media anual seguiría a manterse en 1,1 millóns.

O documento sinala que en 2018 o 7% dos contratos tiñan máis de 20 anos de antigüidade e un terzo comezaran entre os anos 2000 e 2010. Pero mentres os contratos con entidades bancarias e tendas tiñan unha duración media de catro anos, a de máquinas de alimentos e bebidas era de seis anos e a de locais de restauración de once anos.
O Consello de Contas pide ao Sergas que empregue criterios máis homoxéneos para fixar as condicións de cada contrato de servizos e que outorgue ao canon a cobrar "unha ponderación máis decisiva"
Contas di que “debe xustificarse adecuadamente o prazo contractual da prestación destes servizos atendendo ás circunstancias que concorran en cada caso, e adaptar a duración dos vixentes á realidade desas circunstancias, procurando que as condicións económicas mínimas sexan razoables e equitativas”.
Ante esa situación, Contas di que “sería aconsellable que, por parte dos servizos centrais do Sergas, se establecesen criterios homoxéneos para evitar as considerables diferenzas entre tipoloxía contractual, duración e importe dos canons fixados”. Tamén recomenda “a contratación centralizada destes servizos cando as necesidade reais a satisfacer permitan este sistema e poidan mellorar a calidade dos servizos e o aproveitamento de economías de escala na xeración de ingresos” e “que se outorgue ao canon unha ponderación máis decisiva dentro dos criterios económicos de adxudicación en detrimento doutras melloras ou prestacións complementarias”.