Dos 679 millóns chegados a Galicia en 2020 só o 1,97%, 13,4 millóns, foi para os concellos, nunha tendencia que se repite desde mediados da pasada década
Os concellos reciben cada vez menos cartos dos fondos europeos que chegan a Galicia. Así o vén de constatar o Consello de Contas, órgano independente fiscalizador das administracións públicas de Galicia, nos informes que vén de facer públicos correspondentes ao ano 2020. Nese ano as administracións locais recibiron só o 1,97% dos 679 millóns de euros percibidos por Galicia, menos da metade do 4,69% que recibiran en 2014, o seu máximo nunha serie histórica que non parou de baixar tanto en termos porcentuais como en cifras absolutas. A Xunta admite o que vén ocorrendo e asegura que traballa para corrixilo.
O ente fiscalizador constata, no seu informe dedicado a analizar os fondos europeos que chegan a Galicia, a menor percepción de recursos por parte dos concellos galegos tanto no marco dos fondos que reciben todas as administracións públicas como en relación ao global de fondos que chegan a Galicia tamén para entidades privadas. Se a conta se fai comparando co global de entidades públicas, 2016 foi o “ano de ruptura”, segundo Contas, a partir do que se inicia “unha tendencia negativa que se consolida nos seguintes exercicios”. Se a conta se fai sobre o total de fondos que chegan a Galicia, o máximo rexistrouse en 2014, cando os concellos recibiron o 4,69% do global. Desde aquela a porcentaxe “non deixou de diminuír”.
Contas constata que “sobre o total dos Fondos Europeos percibidos por Galicia en 2020 (679 millóns de euros) os concellos perciben 1,97% (13,4 millóns), mentres que no 2019 (539 millóns de euros) os concellos percibiron o 2,64% (14,2 millóns)”, porcentaxe que tamén descendera a respecto de 2018, cando fora do 2,85%.
Por outra banda, non todos os concellos reciben fondos europeos. En 2020, di Contas, a cifra aumentou, ao pasar dos 210 concellos de 2019 a 245, o que supón que 68 concellos non recibiron fondos.
Contas recomenda á Xunta que articule "estratexias colaborativas" e maximice "a participación das entidades locais nos fondos europeos"
Contas recomenda que “ante a reiterada diminución que se vén producindo nos últimos exercicios na participación das entidades locais no financiamento de proxectos vinculados a Fondos Europeos” a Xunta articule “estratexias colaborativas para incentivar que os organismos e entidades (públicas e privadas) de Galicia participen en iniciativas comunitarias que comporten a captación de financiamento europeo realizando un seguimento da súa participación”.
A Xunta asegura que xa está a levar a cabo "distintas actuacións para promover a colaboración de todos os axentes públicos e privados"
Ante esa descrición da situación e recomendación de Contas a Xunta alegou que xa está a levar a cabo “distintas actuacións para promover a colaboración de todos os axentes públicos e privados interesados no deseño e captación de financiamento comunitario”.
Contas considerou que a alegación do Goberno galego supón aceptar a súa recomendación, pero insiste en que pedir “un maior esforzo de axilización na posta en marca do novo marco 2021-2027” de financiamento comunitario “para que os atrasos acumulados non teñan repercusións negativas na economía de galiica, non só no próximo exercicio senón en todos os que abarca o presente marco ata 2021. E no caso concreto dos concellos, Constas incide en que “cómpre maximizar a participación das entidades locais nos fondos europeos dado que se atopan máis preto da cidadanía”.