O sistema maioritario permítelle ao PP gañar 12 dos 16 senadores galegos

Vista dun pleno no Senado © Senado

O Senado é unha historia distinta. Mentres que no Congreso o PP acadou pouco máis dun terzo dos escanos, na cámara alta os populares gozarán dunha ampla maioría absoluta (121 de 208). O sistema maioritario -a pesar da posibilidade se elixir candidatos de forma persoal, máis alá da lista á que pertenzan- adoita outrogar tres dos catro representantes provinciais á forza máis votada. Isto determinou que en Galicia, a pesar do forte descenso experimentado polos populares nos seus apoios, o PP conserve a mesma representantación que hai catro anos: 12 dos 16 senadores en xogo, repartíndose En Marea (na Coruña e Pontevedra) e o PSOE (en Lugo e Ourense) os catro postos restantes.

Cómpre salientar que se trata da primeira vez que algún representante dalgunha forza distinta aos grandes partidos tradicionais acada un posto de senador ou senadora por Galicia nas eleccións xerais. Dende 1982 os escanos electivos corresponderon sempre a PP (primeiro AP) e PSOE. Nos comicios de 1977 e 1979 UCD, PSOE e CP acadaran representación.

Serán senadores e senadoras en representación do PP, Paula Prado, María Aparicio Calzada e José Luis Torres Colomer pola Coruña; Marta Lucio, Miguel Fidalgo e José Crespo por Pontevedra; José Manuel Barreiro, Dámaso López e Sandra Vázquez por Lugo; e Edelmira Barreira, María del Carmen Leyte e Francisco José Fernández por Ourense. Mentres, José Manuel García Buitrón accede ao Senado pola Coruña en representación de En Marea e o mesmo fai María Angustia Gómez por Pontevedra. Luis Manuel García será senador por Lugo en representación do PSOE por Ourense e Ricardo Varela por Lugo.

Analizando os datos polo miúdo, chama a atención o bo resultado que algúns candidatos tiveron en relación con outros integrantes das súas listas. Como é o caso de José Luis Rivas Cruz (Mini) pola Coruña, no caso de Nós. O mesmo podemos dicir de Alba Cuba (Nós) en Pontevedra. Mini, por exemplo, obtivo 17 mil votos máis que a candidatura de Nós para o Congreso pola provincia da Coruña. Alba Cuba acadou 13 mil votos máis que a lista do Congreso.

Vista dun pleno no Senado © Senado

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.