O Supremo non entra a valorar as eleccións na Mariña porque di que non lle pediron ningunha medida concreta

Sede do Tribunal Supremo, en Madrid © Tribunal Supremo

O alto tribunal desestima por “xenérico” o recurso que Galicia en Común lle presentou contra a resolución da Xunta Electoral Central que “entende” que as autoridades sanitarias garanten a saúde dos votantes

O pasado xoves a Xunta Electoral Central deu por suposto, coa expresión “debe entenderse que”, que as autoridades sanitarias adoptaron as medidas necesarias para votar na Mariña e que hai “condicións adecuadas de circulación para poder acudir a votar, coa salvedade de segmentos reducidos de poboación”. Contra esa resolución Galicia en Común presentou un recurso ante o Tribunal Supremo que vén de ser desestimado por “xenérico” xa que a formación política, di o alto tribunal, non concreta que medidas cautelarísimas deberan aplicarse.

Simulacro de votación para o 12X CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Supremo salienta que o recurso limitábase a solicitar “a adopción de todas as medidas cautelarísimas legalmente oportunas" pero sen concretalas

O recurso de Galicia en Común, segundo reflicte o auto emitido este sábado polo Supremo, limitábase a solicitar “a adopción de todas as medidas cautelarísimas legalmente oportunas para garantir que todas as veciñas e veciños da comarca da Mariña actualmente confinados poidan exercer, democraticamente e con todas as garantías sanitarias, o seu dereito fundamental ao voto”, pero sen concretar esas medidas.

Ante esa solicitude, o Supremo contesta que “non se aprecia a relación da petición co acordo da Xunta Electoral Central contra o que se dirixe este recurso contencioso-administrativo pois non sabemos en que aspecto singular debera ter resolto doutro xeito a como o fixo”.

Fragmento do auto do Supremo sobre as eleccións na Mariña CC-BY-SA Praza Pública

O pasado xoves o que resolveu a Xunta Electoral Central foi desestimar o recurso presentado ante ela por Galicia en Común e Marea Galeguista argumentando que “debe entenderse” que as autoridades sanitarias actuaran adecuadamente na comarca.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.