A Xunta Electoral Central cre que na Mariña está garantida a circulación para votar agás "segmentos reducidos de poboación"

Simulacro de votación realizado pola Xunta para o domingo CC-BY-SA Xunta de Galicia

O órgano de control di que “debe entenderse que a autoridade sanitaria estableceu unhas condicións adecuadas para garantir o dereito á saúde dos votantes”

“Nestes precisos momentos debe entenderse que as medidas adoptadas pola Administración garanten unhas condicións adecuadas de circulación para poder acudir a votar, coa salvedade de segmentos reducidos de poboación, por motivos sanitarios suficientemente xustificados”. Así vén de pronunciarse este xoves a Xunta Electoral Central tras recursos de Galicia en Común e Marea Galeguista a respecto da situación existente na Mariña lucense de cara ás eleccións do domingo.

Simulacro de votación para o 12X CC-BY-SA Xunta de Galicia

O martes a Xunta Electoral de Galicia, en resposta a Marea Galeguista, inhibírase e considerara que non lle correspondía a ela “pronunciarse sobre a suspensión das eleccións na Marñia”, engadindo que “mentres as actividades administrativas, económicas e sociais se desenvolvan con normalidade, esta Xunta Electoral de Galicia non entende afectadas as condicións do proceso electoral" e que, a ese respecto, as competencias son das "autoridades sanitarias". [Consulta aquí a resolución íntegra da Xunta Electoral de Galicia].

Por riba da Xunta Electoral galega pronúnciase agora a central, que emprega o "debe entenderse" para valorar que considera que na comarca hai “condicións adecuadas de circulación para poder acudir a votar, coa salvedade de segmentos reducidos de poboación”. A resolución di tamén que "debe entenderse, tamén, que a autoridade sanitaria estableceu unhas condicións adecuadas para garantir o dereito á saúde dos votantes, así como o das diferentes persoas que interveñen ao longo do proceso electoral”.

A resolución da Xunta Electoral Central pode agora ser recorrida ante o Tribunal Supremo.

Este mércores un xulgado de Lugo ratificou outras medidas distintas das establecidas para votar, as de restrición de mobilidade e preventivas fronte ao coronavirus en xeral ditadas o pasado domingo pola Xunta. Porén, o xulgado evitou pedir ás forzas de seguridade que fagan cumprir esas medidas de xeito coercitivou e apelou á coordinación entre administracións.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.