A pelota volve ao tellado da Comisión Europea. O cuarto cumio de líderes estatais da Unión Europea -por videoconferencia- para abordaren a crise do coronavirus rematou sen grandes avances sobre a cerna da cuestión: o plan económico para paliar o profundísimo impacto económico da pandemia. Nin sequera houbo, desta volta, a tradicional declaración final de todos os gobernos para así evitar pisar liñas vermellas de cadaquén.
Os Estados din estar de acordo en crear un "fondo de recuperación", pero queda por responder con canto estará dotado e as condicións para que os cartos cheguen a cada Goberno
Como informa Andrés Gil para eldiario.es, tras catro horas de discusión os xefes de Estado e Goberno deron, esencialmente, visto e prace ao negociado por cadanseus ministerios de Finanzas e Economía no Eurogrupo, 240.000 millóns en préstamos, avais por 200.000 millóns para empresas a través do Banco Europeo de Investimentos e outros 100.000 para persoas en situación de desemprego. A previsión do presidente do Eurogrupo, o portugués Mário Centeno, é que poidan entrar en vigor "rápido", o 1 de xuño.
Os Estados din estar de acordo en crear un "fondo de recuperación", en verbas de Charles Michel, presidente do Consello Europeo. Pero dese fondo quedan elementos clave por concretar que agora remiten á presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen. Queda responder canto terá ese fondo -aproximouse unha cantidade de "en torno ao bilón de euros", se serán transferencias ou serán subvencións.
O primeiro ministro dos Países Baixos di non "entender" por que cómpre "máis diñeiro" do xa pactado
Os receos sobre ese fondo seguen, en boa medida, en Estados como os Países Baixos. O seu primeiro ministro, Mark Rutte, cre que o xa pactado xa son "moitísimos cartos" e di non "entender" por que "necesitamos máis diñeiro nos próximos meses". Esa é a razón, asegura, de remitirse agora á Comisión. Tamén a alemá Angela Merkel se remite á CE que preside a súa ex-ministra: "A Comisión debe facer agora propostas para o seu deseño. Deberiamos investir no futuro: en protección do clima, mobilidade innovadora, dixitalización"
Mentres a presidenta do Banco Central Europeo, Christine Lagarde, alerta os Estados de que a economía da zona euro pode contraerse entre un 9% e un 15% por mor do golpe da pandemia -segundo cita Bloomberg-, o que xa está fóra da mesa son os que deron en coñecerse como coronabonos, a emisión de débeda mutualizada no seo da UE que pedían inicialmente Estados como España ou Italia e que rexeitaron dende o inicio Alemaña, os Países Baixos, Austria ou Finlandia.
O Goberno de España admite que, polo momento, o acordo é sobre "as liñas xerais"
Cos eurobonos fóra do debate, os países do sur movéronse cara a unha inxección de billón e medio de inxección de cartos novos apoiados en débeda emitida directamente pola Comisión Europea a través de transferencias e non préstamos, como pretenden dende o norte. Neste sentido, o francés Emmanuel Macron afirmou tras o Consello Europeo: "Creo que no momento que vivimos esas transferencias deben ser mediante subsidios, verdadeiras transferencias orzamentarias, non simplemente préstamos".
António Costa: "A resposta a esta crise não poderá ser resolvida com respostas de austeridade".
Malia todo, a ministra de Exteriores española, Arancha González Laya, asegura que hai un acordo "sobre liñas xerais", pero recoñece que aínda non se abordaron "os detalles" do plan de recuperación no que a preferencia española é semellante á italiana, cuxo primeiro ministro, Giuseppe Conte, alerta tamén da ameaza do ascenso maior da extrema dereita se a UE e os seus Estados non responden con garantías a esta crise.
Dende Portugal, o primeiro ministro António Costa amosou relativo optimismo. "Foi unânime a concordância na rápida implementação das decisões do Eurogrupo e num mandato" para que a Comisión Europea "apresente uma nova proposta de Quadro Financeiro Plurianual que integre um Fundo para a recuperação económica financiado pela emissão de dívida pela Comissão", sinalou o socialista. En días previos, Costa viña advertindo: "A resposta a esta crise não poderá ser resolvida com respostas de austeridade".