O ministro de Transportes, ante as críticas de veciñanza e PP ao trazado da autovía en túnel Vigo-O Porriño: "Estudaremos todas as alegacións e obraremos en consecuencia"
A autovía A-54 Lugo-Santiago, cuxa primeira pedra foi posta en 1996 no treito Santiago-Lavacolla, está desde este luns rematada en preto de 80 dos seus 94 quilómetros, coa inauguración por parte do ministro de Transportes, Óscar Puente, do penúltimo treito, de 12 quilómetros, entre Palas de Rei de Melide. Os arredor de 16 quilómetros restantes, entre Melide e Arzúa, abrirán en dúas fases ao longo deste ano: un primeiro treito entre Melide e a saída de Visantoña, en Santiso, previsto para o verán e os derradeiros 10 quilómetros da infraestrutura antes de que remate o ano.
A apertura este luns do treito Palas-Melide faise coa recomendación de que aínda non sexa empregado polos vehículos pesados, xa que obriga a cruzar o centro de Melide cun itinerario que inclúe un complexo xiro de 90 graos.
Na inauguración deste luns o ministro salientou a complexidade ambiental do treito agora posto en servizo, que estivo paralizado para minimizar o seu impacto sobre especies protexidas da serra do Careón. Entre outras actuacións executouse un viaduto sobre o río Pambre de preto dun quilómetro de lonxitude, cun vano principal de 87 metros de lonxitude. Unhas actuacións que elevaron a máis de 100 millóns o investimento neste treito de preto de 12 quilómetros.
O túnel do Porriño a Vigo
Na inauguración da autovía o ministro tamén se referiu a outra actuación que está a impulsar o seu departamento, a continuación da autovía A-52 das Rías Baixas desde O Porriño, onde remata desde hai un cuarto de século, e Vigo, unha infraestrutura que nas últimas semanas vén rexistrando un crecente rexeitamento da veciñanza e do PP.
O proxecto da autovía en túnel entre Vigo e O Porriño vén de ser exposto ao público e inclúe importantes expropiacións tanto en Vigo como en Mos nunhas zonas xa amplamente urbanizadas cuantificadas en 28,5 millóns de euros. Segundo Puente, que salientou que a actuación levaba "lustros" estancada, vén de someterse a información pública "para seleccionar a mellor alternativa". "Decidimos impulsala, estudaremos todas as alegacións e obraremos en consecuencia", asegura o ministro.
Acceso ferroviario ao porto exterior da Coruña
O ministro activou en persoa os explosivos que culminaron o cale do túnel de 3,7 quilómetros do acceso ferroviario ao Porto Exterior da Coruña
Puente tamén visitou este luns as obras do acceso ferroviario ao porto exterior da Coruña onde activou en persoa os explosivos que culminaron o cale do túnel de 3,7 quilómetros da infraestrutura. O obxectivo é que poida haber trens circulando en 2027 que faciliten que o porto mova máis de 600.000 toneladas ao ano.
A obra da liña ferroviaria ao Porto Exterior, cunha lonxitude total de 6,7 quilómetros, supón un investimento de 125 millóns de euros.