O veto ao voto dos mariñeiros embarcados: cando a lei ignora a realidade

Un barco no Gran Sol © http://barcosdelgran-sol.blogspot.com.es/

Ano 2014. As tecnoloxías da información e da comunicación forman parte da vida cotiá das persoas nas partes do mundo en que os recursos económicos así o permiten. En Galicia e no conxunto do Estado español as Administracións públicas teiman, malia ao descoñecemento práctico de moitos dos seus dirixentes, na súa aposta por investir e estender o uso da tecnoloxía a todos os ámbitos da cousa pública. A todos? A todos, non. Un continxente de entre 10.000 e 15.000 persoas, os mariñeiros embarcados en buques pesqueiros de altura, de grande altura e da mariña mercante seguen tendo vetado na práctica o seu dereito ao voto sen que a Xunta vaia alén de transmitirlle ao Goberno central a súa "preocupación" ao respecto.

A regulación máis recente para o voto do persoal embarcado data do ano 1999, cun decreto ditado polo Ministerio da Presidencia con Francisco Álvarez-Cascos como máximo responsable. Nela estipúlase que os mariñeiros e demais persoal poderán exercer o sufraxio por correo ordinario se teñen que estar "embarcados dende a convocatoria das eleccións ata a súa celebración". Pero cunha condición: que "durante dito período toquen portos previamente coñecidos" en territorio español, o que na práctica fai imposible o exercicio do dereito a participar con normalidade nos comicios.

Os mariñeiros embarcados só poden votar se tocan porto en período electoral

Na liña do que veu acontecendo en anteriores procesos electorais, a reivindicación do voto para os mariñeiros reactivouse co gallo das eleccións europeas do 25 de maio. No Parlamento galego a petición de explicacións ao respecto volveu partir do BNG, que a través do seu voceiro en materia de asuntos marítimos, Daniel Rodas, se dirixiu á Xunta para constatar que, tras "tantas promesas e ríos de tinta que se teñen vertido sobre o dereito ao voto das tripulacións galegas, atopámonos con que vai ter lugar un novo proceso electoral e un importante número de cidadáns galegos embarcados" carecen do que debera ser "un dereito universal". "Van pasando os anos, tamén gobernos de diferente cor política, compromisos de estudos, comisións, grupos de traballo" e "o único certo é que os mariñeiros galegos non poden votar" porque "o Goberno español non llo permite". 

O BNG propón empregar o carné electrónico, ao xeito de Estonia

Paralelamente a esta petición de explicacións Rodas rexistrou unha iniciativa na que expón que "varios países europeos puxeron en práctica diversos modelo que garanten o voto de mariñeiros embarcados". No caso galego, di, abondaría con imitar o modelo que xa está en marcha en Estonia, país que "facilita este dereito a través de internet". "O uso do carné de identidade electrónico" do que xa dispón a práctica totalidade da cidadanía "garante emitir o voto nos procesos electorais a pesar de atoparse a centos de millas de Galiza" durante "longas temporadas". Isto sería aínda máis doado que aplicar "o mecanismo sueco", explica, consistente en colocar "mesas electorais a bordo baixo a responsabilidade do capitán".

A Xunta limítase a "preocuparse"

Neste contexto, a Xunta vén de contestar por escrito as preguntas de Rodas e o propio Goberno admite, ao inicio da resposta, que se dispón a "reiterar o xa expresado" en anteriores lexislaturas, cando o asunto era obxecto de habituais preguntas por parte do daquela deputado nacionalista e actual secretario de organización do Bloque, Bieito Lobeira. "É evidente que a particular situación dos mariñeiros embarcados en altura provoca as máis das veces que o exercicio ao seu dereito ao voto se vexa incumprido". Malia ás evidencias de alternativas técnicas para solucionalo o Executivo galego parte da premisa de que esta é "unha situación que non atopa, ata o momento, unha solución acaída".

A votación electrónica descartouse por "eivas de seguridade" mentres se impulsa a contrarreforma do voto emigrante

"O marco legal vixente non dá óptima cobertura á casuística e peculiar singularidade que presenta a frota de altura", evidencia a Xunta a través da Vicepresidencia, "con numerosos traballadores do mar que pasan meses sen arribar a porto". O Goberno di ser "partidario" de que estas persoas "poidan exercer o seu dereito ao voto en condicións idénticas ao resto dos cidadáns e con plenas garantías" pero "cómpre salientar", di, que "a responsabilidade de introducir as melloras que permitan dito cambio no sistema non corresponden nin son competencia desta Administración autonómica", senón do Goberno de España.

Entón, que cabe facer? "A Xunta trasladou a súa preocupación por esta cuestión" durante o desenvolvemento da comisión que estudou a reforma da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral en 2010 e nas propias Cortes Xerais chegouse a "abordar o debate arredor da posibilidade de introducir mecanismos electrónicos de votación que puidesen solventar esta situación". Pero esta opción "foi descartada polas eivas técnicas que presentaba e non por reunir suficientes garantías en termos de seguridade". Mentres, a mesma Cámara disponse a permitir que os denominados "residentes ausentes" poidan volver votar sen solicitalo previamente, é dicir, sen as mais mínimas garantías de seguridade.

Un barco no Gran Sol © http://barcosdelgran-sol.blogspot.com.es/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.