Carles Puigdemont non se unirá, de momento, aos oito ex-consellers do Govern encarcerados en Madrid. O xuíz de instrución belga deixou en liberdade provisional ao president da Generalitat e aos catro ex-consellers cesados que o acompañaban en Bruxelas, informou o avogado de dous dos exconsellers, Gonzalo Boye.
O ex-president e catro dos seus consellers declararon durante cinco horas tras presentarse na mañá deste domingo nunha comisaría de Bruxelas
O ex-president e os catro ex-consellers que permanecen en Bruxelas declararon durante máis de cinco horas na tarde deste domingo ante o xuíz belga que valorou a orde de detención e traslado a España solicitada pola xuíza da Audiencia Nacional Carmen Lamela. Antes de declarar, todos eles presentáronse voluntariamente ás 9:17 horas da mañá deste domingo nunha comisaría de Bruxelas, onde foron arrestados pola policía belga. A detención era indispensable para que o president e os ex-consellers cesados pasasen a disposición xudicial.
A defensa de Puigdemont e os ex-consellers alega ante a Xustiza belga que os políticos, de volver a España, non terían un proceso xudicial xusto na Audiencia Nacional -o mesmo que levou a prisión incondicional a Oriol Junqueras e sete exconsellers- pola falta de competencia que, aseguran, ten este tribunal para investigar os delitos de rebelión e sedición. Así mesmo, engaden que a lei española non ampara a investigación por estes dous delitos da declaración e a acción do Govern en favor da independencia de Catalunya.
Os prazos da Xustiza belga
O ministro de Xustiza belga estima que o proceso xudicial alí pode prolongarse ata tres meses
Con todo, o periplo xudicial belga de Puigdemont non terminou este domingo. En 15 días, a Chambre du Conseil -un tribunal de primeira instancia, distinto ao xuíz instrutor- deberá pronunciarse sobre a orde europea de arresto e entrega emitida pola xuíza Lamela. O fallo deste tribunal tampouco será definitivo, pois tanto a defensa de Puigdemont como a acusación (neste caso, a Fiscalía e a Audiencia Nacional españolas) poderán recorrela.
Aí empezará un novo prazo quince días tras os que a chamada Court d'appel, isto é, un tribunal de apelación, emitirá un novo fallo. A súa sentenza tamén se poderá recorrer ante un tribunal de casación, que terá outros quince días para tomar unha decisión definitiva.
O ministro de Xustiza belga, Koen Geens, estimou que, en conxunto, entre os prazos xudiciais e os días que as partes terán para estudar se presentan recursos, o proceso nos tribunais de Bélxica podería alongarse ata dous meses, aínda que tamén podía chegar aos 90 días se se daban "circunstancias excepcionais".
Entre os xulgados belgas e o 21D
Este domingo o PDeCAT apostou por unha lista única independentista liderada polo ex-president, tal e como o propio Puigdemont pedira o sábado
A decisión xudicial coñeceuse o mesmo día en que o partido de Puigdemont, o PDeCAT, apostou por unha lista única independentista liderada polo ex-president, tal e como o propio Puigdemont pedira o sábado.
O proceso xudicial belga do ex-president cursarase en paralelo ao debate independentista sobre concorrer ao 21D cunha lista conxunta. Tanto o ofrecemento de Puigdemont como o acordo do PDeCAT aumentan a presión sobre ERC, máis reticente a concorrer baixo unha soa lista a non ser que inclúa á CUP e a sectores de Podem.