Ofensiva xudicial contra a consulta do 1-O e a súa difusión

Trapero, entrando na sede da Fiscalía Superior en Barcelona CC-BY-SA Sandra Lázaro / Catalunya Plural

Fiscalía, Constitucional e o Superior catalán. A ofensiva xudicial do Estado contra o proceso de autodeterminación ratificado con moita polémica a pasada semana polo Parlament de cara ao 1-O recrúa na semana da Diada. Un día despois doutra masiva manifestación soberanista en Barcelona, os requirimentos da Xustiza para deter todo o que teña que ver coa consulta chegan a todo tipo de institucións e entidades catalás. 

Así, o Tribunal Constitucional cumpriu co trámite de suspender as leis de transitoriedade e Facenda catalá, logo de vetar tamén a do referendo, deixando o Goberno da Generalitat se marco normativo para a desconexión que reclama o independentismo. O TC admitiu os trámites que o Executivo central presentou este luns. 

O Constitucional suspende as leis de transitoriedade e Facenda catalá un día despois da Diada

A suspensión das normas é unha consecuencias automática tras a admisión a trámite dos recursos presentados por Moncloa. É unha aulación de cinco meses que podería ser prorrogada outros cinco se o Goberno cetnral así o solicita. Durante este período, o Constitucional terá que ditar unha sentenza, cuxa resolución sería xa permanente. A presidencia do Tribunal decidiu esperar a este martes para convocar o pleno que anulou as principais leis que constrúen a saída de Catalunya. Segundo fontes do Constitucional, quíxose evitar que a decisión puidese acabar quentando a celebración que ateigou o centro de Barcelona. 

A Fiscalía deu ordes a Mossos, Policía e Garda Civil para requisar urnas, sobres ou calquera material para o referendo

Ademais, tamén este martes, a Fiscalía Superior de Catalunya deu formalmente aos mandos policiais que traballan na comunidade autónoma, Mossos d'Esquadra, Policía Nacional e Garda Civil, a orde para que os seus axentes requisen urnas, sobres, manuais para as mesas e material informático susceptible de ser usado para o referendo

O fiscal superior de Catalunya, José María Romero de Tejada, trasladou persoalmente a orde da Fiscalía, datada o pasado venres 8 de setembro, aos mandos policiais que operan na autonomía nunha xuntanza este martes na sede da Fiscalía Superior de Catalunya que durou menos de meida hora.

"A confianza nas decisións que tome o major Trapero é total e absoluta", dixo dúas veces esta frase o conseller de Presidencia e portavoz do Govern catalán, Jordi Turull, cando foi preguntado por esta orde aos Mossos e demais corpos e forzas de seguridade. 

Por outra banda, os directores de TV3 e Catalunya Ràdio, Vicent Sanchis e Saül Gordillo, recibiron este martes, a través do Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya (TSJC), o aviso do Tribunal Constitucional que lles advirte do seu deber de impedir calquera iniciativa relacionada co referendo que o alto tribunal acordou despois da suspensión da lei e o decreto de convocatoria do 1-O.

O aviso aos directores dos medios non afecta ao dereito á información de ambas as canles pero si á difusión da campaña de publicidade da Generalitat

O aviso aos directores dos medios, precisaron a estas medio fontes do TSJC, non afecta ao dereito á información de ambas as canles, senón que se refire a a difusión da campaña de publicidade da Generalitat do 1-O, que actualmente emiten TV3 e Catalunya Ràdio nos seus bloques publicitarios.

En concreto, o aviso do TC aos directores dos medios públicos cataláns é o mesmo que a todos os consellers, 947 alcaldes de Catalunya e a 60 altos cargos da Generalitat e os Mossos d'Esquadra. Ínstaselles, a todos eles, a absterse "de iniciar, tramitar, informar ou ditar, no ámbito das súas respectivas competencias, acordo ou actuación algunha que permita a preparación e/ou celebración do referendo sobre a autodeterminación de Catalunya".

A inclusión do verbo "informar"  no aviso motivou que TV3 publicase unha noticia na súa web difundida nas redes sociais con este titular: "O TSJC pide a TV3 que 'non informe' de acordos ou actuacións que permitan o 1 de outubro".

Con todo, fontes do TSJC precisaron que o alto tribunal catalán non pediu nada á canle pública, senón que se limitou a trasladar o apercibimento do TC, igual que fixo e continuará facendo co resto de cargos avisados.

As mesmas fontes tamén subliñaron que a acepción da palabra "informar" incluída no apercibimento do TC non se refire ao feito de publicar unha noticia -"dar noticia de algo"- senón á acepción da RAE referida a funcionarios e cargos públicos -"ditaminar en asunto da súa respectiva competencia"-, en concreto, a emisión da publicidade relacionada co 1-O en TV3 e Catalunya Ràdio.

O TC tamén lembrou a Sanchis, Gordillo, e os case 1.000 apercibidos, o seu deber "de impedir ou paralizar calquera iniciativa que supoña ignorar ou eludir a suspensión acordada", e apercibiulles "das eventuais responsabilidades, incluída a penal, nas que puidesen incorrer en caso de non atender" ao seu requirimento.

O xuíz suspende un acto a favor do referendo catalán en Madrid

 

Suspendido un acto pro-referendo en Madrid

Ademais, a Xustiza obrigará ao Concello de Madrid a anular a cesión dun espazo municipal a un colectivo que pretendía apoiar o referendo en Catalunya. O xuíz suspendeu cautelarmente a autorización municipal para un acto organizdo polo colectivo Madrileños por el Derecho a Decidir e que se ía celebrar no centro cultural Matadero o vindeiro domingo. A cesión fora recorrida polo PP. 

No escrito presentado no xulgado, o Partido Popular no Concello de Madrid solicitaba a "medida cautelarísima da suspensión da autorización do uso do local municipal", debido á "inmediata celebración do evento". O grupo municipal popular avogaba á "extrema gravidade do seu desenvolvemento", xa que, ao seu xuízo, supón un acto en apoio á lei do Parlamento catalán 19/2017 e ao decreto de convocatoria do referendo que o Tribunal Constitucional suspendeu.

O Partido Popular argumenta no escrito que "a inmensa maioría do pobo español está pola convivencia, a liberdade e a Constitución" e que o acto supón unha "falta de respecto e obstrución á xustiza" porque está en xogo "o interese xeral da maioría de españois".

A alcaldesa de Madrid, Manuela Carmena, referiuse ao acto este martes antes de coñecerse a decisión do xuíz e defendeu que a tramitación de cesión cumpre cos requisitos e ten "toda a documentación correcta e non hai ningunha incidencia".

Sede de TV3 © CCMA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.