Tras o afundimento cun morto ocorrido en decembro de 2018, a investigación oficial urxiu a "non demorar" a mellora da seguridade do peirao, pero Portos de Galicia segue sen saber que facer e vai encargar outro estudo por outros dez meses
O 20 de decembro de 2018 o pesqueiro Silvosa afundiu na perigosa canle de acceso ao porto de Malpica. Tres mariñeiros que estaban en cuberta lograron saltar ao peirao, pero o patrón, moi experimentado, quedou atrapado dentro da ponte e faleceu. Dous anos despois a investigación oficial do sucedido concluíu instando a Portos de Galicia "a non demorar a conclusión dos estudos iniciados e a execución das obras resultantes" para mellorar a seguridade do porto, pero oito anos despois daquel accidente o ente público dependente da Xunta segue sen saber que facer e vai encargar un novo estudo durante outros dez meses á Universidade da Coruña.
No porto de Malpica é habitual que se rexistren ondas de gran lonxitude e período, "trens de ondas que se propagan ao interior do porto", segundo a investigación oficial do afundimento mortal de hai agora 8 anos. Esas ondas poden afectar ao nivel da estreita canle de entrada e saída do porto, protexida por unha comporta. E iso foi o que pasou no accidente, no que o barco quedou encaixado na canle e envorcou.
Tras o sinistro a Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM) dixo que "debería realizarse un estudo das ondas no porto por parte de entes técnicos especializados”, e tras constatar a intención da Xunta de facelo os investigadores remataron sinalando que "á vista das accións tomadas por Portos de Galicia a consecuencia deste accidente, non se formulan recomendacións de seguridade, máis alá de instar a este organismo a non demorar a conclusión dos estudos iniciados e a execución das obras resultantes”.
Hai dous anos Portos cifrou en 8 as posibles solucións xa estudadas e en 3 millóns o xa gastado en estudos, e agora encarga outro estudo á UDC por 262.000 euros
Pero nestes oito anos Portos de Galicia aínda non foi quen de decidir que obras facer. Hai dous anos o ente público cifraba en oito as posibles solucións xa estudadas e en 3 millóns de euros o xa gastado en diversos estudos para analizar e medir a axitación das ondas no porto de Malpica. Daquela Portos xa prognosticaba que tería en breve unha solución técnica, malia que aseguraba que xa avanzara "moito en coñecemento" sobre o "fenómeno extraordinario" de axitación do mar en Malpica.
Agora, "fronte aos modelos matemáticos", vaise empregar "un modelo físico en tres dimensións" nunha dársena experimental da UDC
Agora, oito anos despois do accidente, Portos asina un convenio de 262.000 euros e dez meses de prazo coa Fundación Universidade da Coruña para que o Grupo de Enxeñería da Auga e do Medio Ambiente (Geama) investigue solucións para Malpica "empregando un modelo físico en tres dimensións". Será usando a dársena experimental con que conta o Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (Citeec), coa que se prevé obter nova información "fronte aos modelos matemáticos" empregados ata agora.
"O obxectivo último deste traballo é definir a solución técnica que reforce a operatividade da dársena de Malpica e mellore as condicións de traballo dos profesionais do mar deste porto", salienta o ente público.