'Operación Zarzuela' para reconstruír a imaxe do rei

Imaxe do discurso do rei © Casa Real

A expresión vivir coma un rei perdeu unha parte importante do seu significado en España. Claro que o rei e a súa familia seguen vivindo dunha forma privilexiada, con máis de oito millóns de euros públicos á súa disposición -seguridade e coches aparte-. Pero tamén é verdade que nos últimos anos a familia real en xeral e o rei en particular viviron unha serie de catastróficas desdichas que, ademais dos problemas derivados dos feitos en si, contribuíron a socavar boa parte da popularidade da que gozaban.

Na onda do pasado mes de outubro, e por primeira vez, o Rei suspendeu cun 4,89. Desde entón non houbo máis preguntas sobre o monarca nos traballos do CIS

E iso de afectar á popularidade real non é algo menor: falamos dunha institución que até hai ben pouco ninguén cuestionaba e sobre a que apenas se falaba (mal). Desde os múltiples achaques do monarca aos desgustos da familia política, pasando polos erros e saídas de ton. Que a imaxe do rei non pasa polos seus mellores momentos non é unha percepción, senón un dato. A confianza dos españois na Coroa leva anos caendo, a xulgar polas preguntas que o Centro de Investigacións Sociolóxicas fai de tanto en tanto nos seus barómetros de opinión. Na onda do pasado mes de outubro, e por primeira vez, o Rei suspendeu cun 4,89. Desde entón non houbo máis preguntas sobre o monarca nos traballos do CIS. Alerta vermella para unha institución tan sensible.

Que facer? Nos últimos meses, e en clara resposta a todo o acontecido, na contorna real viñéronse producindo cambios encamiñados a fortalecer a imaxe do monarca. Algúns son sutís, outros supoñen operacións de mercadotecnia descaradas. Unha Operación Zarzuela en toda regra cun único obxectivo: remontar o voo nun momento particularmente convulso no social.

Como noutras das súas últimas intervencións, tentaba retomar protagonismo político para espantar todas as informacións negativas ao seu redor

A mensaxe do Nadal do Rei foi todo un conxunto de simbolismos. O monarca apareceu sentado na mesa, cun impostado aspecto desenfadado para evidenciar un bo estado de saúde fronte aos seus constantes achaques. Cunha gravata verde esperanza e fotografías só visibles en segundo plano, o monarca dirixiu parte do seu discurso a lanzar un aviso aos políticos e a falar da "política grande" como alternativa. Como noutras das súas últimas intervencións, tentaba retomar protagonismo político para espantar todas as informacións negativas ao seu redor.

Esa gravación non é máis que o último dos pasos dados até o momento nunha estratexia global. O primeiro paso do cambio veu no momento no que o rei sufría as críticas máis duras. En plena crise económica, cos datos do paro crecendo cada trimestre, o rei lesionouse durante unha cazaría en Botsuana. A consternación social foi palpable, tanto que provocou un xesto inédito até entón: o monarca pediu perdón.

O monarca publicou un par de mensaxes, un deles en clara referencia a Catalunya, co que tentaba recuperar o peso político perdido cos anos

Aí cambiou algo. Cabe presumir que houbo intensas reunións durante as semanas seguintes para planificar a estratexia. Púxose en marcha entón un sutil cambio: primeiro, a renovación dunha páxina web a través da que o monarca publicou un par de mensaxes, un deles en clara referencia a Catalunya, co que tentaba recuperar o peso político perdido cos anos. De feito, co comentario sobre Wert semanas despois profundou nesa procura de protagonismo político que volveu centrar cando coincidiu con Mas en Barcelona.

Ao cambio da web sucedeulle a renovación das imaxes oficiais: el, o príncipe e a infanta Leonor, monarca e herdeiros. Despois chegou a aparición da canle en YouTube da Casa Real, un mero repositorio de vídeos históricos que os medios replicaron até a saciedade. Entre unhas cousas e outras deixouse de falar da Casa Real para mal, afastándoa de polémicas e accidentes. Peso político e modernidade, esa era a mensaxe que brindaron aos medios e que estes mercaron entusiasmados.

A operación segue adiante. Os medios públicos levan semanas despregando unha evidente estratexia de saneamento

A operación segue adiante. Os medios públicos levan semanas despregando unha evidente estratexia de saneamento. Desde a entrevista con Jesús Hermida que se emite o venres até un especial con 25 personaxes da xeración do monarca falando del e entre os que cabe esperar que non haxa crítica ningunha. A tamaño despregamento informativo, únense esporádicas chiscadelas aduladoras nas axencias. Dous exemplos:

"Don Juan Carlos, que este sábado cumple 75 años, ha demostrado siempre su afición y pasión por el deporte, con un importante respaldo a los deportistas españoles y con su propia trayectoria, que le llevó a ser olímpico en los Juegos de Múnich'72 y a conquistar la Copa del Rey de Vela en varias ediciones".

Non, non é o No-Do. É un teletipo da Axencia EFE esta mesma semana a conta dun libro deportivo sobre o rei. O título do teletipo xa o di todo: "Un Rey olímpico siempre al lado de los deportistas". Outro exemplo, esta vez por outro libro sobre a afección do monarca aos barcos, tamén remitido por EFE esta semana:

"Don Juan Carlos, a bordo siempre llamado el "jefe", heredó la pasión por el mar de su padre, "pero él transformó la libertad y felicidad que sentía don Juan en el mar por competitividad", entregado a "la velocidad, la adrenalina y la competición".

Por se non fose abondo cos teletipos, a propia axencia pública de noticias lanza un libro-homenaxe ao monarca con motivo do seu 75 cumpreanos:

"La obra, concebida como un libro-homenaje al Monarca con ocasión de su emblemático 75 cumpleaños, es el resultado de una laboriosa selección entre las 20.000 fotografías de Don Juan Carlos con que cuenta el Archivo Gráfico de EFE y se abre con una imagen dedicada a la Agencia por el propio jefe del Estado, en la que aparece junto a su padre, Don Juan, y su hijo, Don Felipe, Príncipe de Asturias".


O inicio da operación

O primeiro cambio chegou en agosto do ano pasado, cando Alberto Aza deixou a Casa do Rei, substituído por un vello coñecido: Rafael Spottorno

O primeiro cambio chegou en agosto do ano pasado, cando Alberto Aza deixou a Casa do Rei, substituído por un vello coñecido: Rafael Spottorno. Foi a saída de Aza unha resposta á crise ou a entrada de Spottorno un sopro de aire fresco? Non, pero foi un revulsivo para empezar a cambiar as cousas. O cambio chegaba un ano despois de que se iniciou a estratexia para impulsar a imaxe do príncipe como herdeiro e empezar a relegar a un plano moi inferior á raíña e as infantas. Nin sequera aquilo saíu ben: sesión de fotos, cambio de imaxe na páxina web... e polémica por un suposto uso de Photoshop.

A deterioración da imaxe real acelerouse desde aquel "por que no te callas?" que en 2007 o monarca espetou a Hugo Chávez cando este interrompía a Zapatero

Pero ese ano deu para moito máis que para unha mera lea fotográfica. A deterioración da imaxe real acelerouse desde aquel "por que no te callas?" que en 2007 o monarca espetou a Hugo Chávez cando este interrompía a Zapatero. Até entón todo o que rodeaba á Coroa e podía ser prexudicial quedaba en mera rumoroloxía nunca confirmada. Que se unha cazaría dun oso bébedo en Rusia, que se os hábitos de Jaime de Marichalar -demanda incluída contra Época por asegurar que consumía cocaína-, que se conflitos matrimoniais entre o rei e a raíña, que se algúns expuñan dúbidas sobre o papel do monarca no golpe de estado... Todo, até entón, noticias que ninguén contrastaba.

O que si foron feitos evidentes foron os achaques do monarca. O rei compareceu durante varias semanas cuns lentes de sol para ocultar un ollo morado por mor dunha caída. Pasou varias veces polo quirófano, tanto para operar o xeonllo e a cadeira como para extirpar un tumor benigno. Aos seus 75 anos sábese que a súa audición e visión empeoraron bastante e volveuse case frecuente velo coxear ou levar muletas. El mesmo ironizaba con que había algúns que desexaban velo "cun piñeiro na tripa", mentres outros comentaban que a raíña apenas pisa o hospital cada vez que el sofre un dos seus frecuentes ingresos.

Sutil tamén foi o trato que se deu á irrupción dunha princesa alemá coa que só un diario se atreveu a suxerir unha posible relación máis aló da amizade por parte do monarca

Tamén evidente foi a forma na que a Casa Real quixo pór terra por medio co escándalo de corrupción polo que Iñaki Urdangarin, o seu xenro, tivo que declarar ante o xuíz: primeiro el e a infanta foron vivir a EEUU e despois regresou para asumir as súas responsabilidades. As fotos de familia deixaron de incluír a infantas e maridos (primeiro polo divorcio de Marichalar e despois por isto) e pasaron a centrarse nos nenos. Incluso a infanta foi apartada do atrio de honra durante o pasado desfile militar e foi sentar cos líderes políticos. Hai escasas semanas lanzouse a través da revísta Lecturas o globo sonda de que quizá a infanta renunciaría á súa condición por mor dos escándalos.

A estratexia de reflote da imaxe real é enorme, pero moitos son os borranchóns a eliminar. Desde o inédito secuestro de El Jueves en democracia hai uns anos até as imaxes de Urdangarin fuxindo á carreira dos xornalistas

De forma menos evidente xestionáronse, con todo, os problemas que se xestaron ao redor da familia da princesa de Asturias. O suicidio da súa irmá non se tratou nos medios desde a polémica, senón desde o lado humano de Letizia, mentres que a imputación dalgúns familiares pasou case inadvertida. Sutil tamén foi o trato que se deu á irrupción dunha princesa alemá coa que só un diario se atreveu a suxerir unha posible relación máis aló da amizade por parte do monarca.

A estratexia de reflote da imaxe real é enorme, pero moitos son os borranchóns a eliminar. Desde o inédito secuestro de El Jueves en democracia hai uns anos até as imaxes de Urdangarin fuxindo á carreira dos xornalistas. E cando todo parecía empezar a remontar, Froilán dispárase nun pé en presenza do seu pai e o rei cae en directo ante as cámaras. Hai caídas que parecen difíciles de remontar.

Imaxe do discurso do rei © Casa Real

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.