Os partidos debaten se deben dimitir os alcaldes imputados no caso Pokemon

Dominio Público Praza Pública

Francisco Rodriguez (PSdeG) e Alfonso Gacio (PPdeG) quedaron en liberdade baixo fianza con cargos de suborno e tráfico de influencias e suborno, prevaricación e branqueo, respectivamente. Pola contra, a xuiza Pilar de Lara decretou o ingreso en prisión do presidente de Véndex.

O alcalde de Ourense, despois de declarar durante tres horas e media pola mañá, pasou todo sábado nos xulgados de Lugo á espera de que a xuíza tomase declaración ao responsable de Vendex en Ourense, Adrián Cordero, e a José María Tutor, xerente da empresa en Galicia. O alcalde ourensán está acusado de favorecer á empresa Vendex no concurso do servizo de limpeza de edificios públicos, segundo o auto da xuiza Pilar de Lara. La Región publica que "o rexedor e funcionarios municipais acordaron outorgar ese beneficio, unha cuestión que foi inmediatamente desmentida polo equipo do alcalde ourensán". Segundo o xornal, o concurso que favorecería a Vendex quedou deserto e, de feito, "actualmente o servizo préstase en precario xa que hai un novo procedemento aberto para sacar a concurso a prestación do mesmo, probablemente cun orzamento de adxudicación de 914.000 euros".

Oficialmente o PSdeG-PSOE declarou a través de Abel Losada que "o partido analizará a situación e o que lle quero trasladar á cidadanía é que, coma sempre, o Partido Socialista estará a la altura de las circunstancias". Porén, o desexo do entorno de Pachi Vázquez sería que o alcalde imputado presente a súa dimisión, para que o caso aberto non poida ser utilizado polo Partido Popular na campaña. O Faro de Vigo publica que o PSdeG-PSOE poderia pedirlle que dimitise se Francisco Rodriguez non o fai. E o xornal transcribe as declaracións dun cargo socialista: "Paco é un bo home pero moi mal aconsellado e seguro que aínda que saia imputado con seis cargos, como ocorreu co rexedor de Boqueixón, determinadas persoas da súa contorna que dependen directamente del vanlle pedir que se aferre á alcaldía".

O PP non se pronunciou oficialmente sobre se lle esixirán a dimisión ao alcalde de Boqueixón. Porén, antes de que fose oficialmente imputado, Alberto Núñez Feijoo declarara que no seu partido "non teñen cabida nin as irregularidades nin as sospeitas" e que se se confirmase algunha práctica improcedente de Adolfo Gacio, lle esixiría "responsabilidades". En calquera caso non deixou claro se iso tamén se aplicaria no momento da imputación.

Pola súa banda, dende o BNG séguense facendo chamamentos para que os rexedores imputados dimitan dos seus cargos. Jorquera insistiu nesa idea o sábado en Ourense: "no momento oportuno terá que asumir responsabilidades políticas". Do mesmo xeito pronunciouse dende un comezo Compromiso por Galicia e o seu candidato por Ourense, Pérez Bouza, pediu dende o xoves a dimisión do alcalde da cidade e fixo chamamentos á "rexeneración democrática". Finalmente, Alternativa Galega de Esquerda propuxo unha lei de transparencia que obrigue á publicación de todos os contratos e ofertas para as concesións outorgadas polas administracións públicas.

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.