Os tribunais amárganlle a Feijoo o final de agosto

Feijóo, no bombo dun sindicalista CC-BY-SA Merixo

Agosto adoita ser un mes tranquilo e con escasa actividade política. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, tiña ademais unha folla de ruta moi clara na que a pesar do desgaste provocado pola crise económica e as críticas da oposición, el podería marcar os tempos políticos do outono, decidindo ou non adiantar as elección de marzo, e gardando (a priori) algunhas cartas na manga, coma o hipotético acordo con Pemex ou a reforma electoral pensada para beneficiar ao Partido Popular.

Porén, dúas decisións xudiciais coñecidas esta semana obrigan aos populares a poñerse á defensiva e achéganlle munición aos partidos da oposición de cara a un outono (electoral ou preelectoral) que xa se prevía quente. Por unha banda, a sentenza firme do TSXG que revoga a decisión do PP de anular o concurso eólico, e que se ben pode non ter moitas consecuencias prácticas, reafirma a legalidade da convocatoria orixinal, revela as motivacións "políticas" da anulación, segundo a oposición, e pode abrir un escenario de sucesivas e custosas reclamacións por parte das empresas prexudicadas pola decisión. Pola outra, as dúas sentenzas do Tribunal Supremo que determinan a ilegalidade das subvencións concedidas aos centros educativos privados que separan nenos e nenas, e dos que en Galicia hai aínda moitos casos.

 

O concurso eólico, de novo sobre a mesa

Abel Losada acusou este xoves ao presidente da Xunta de “mentirlle aos galegos” ao incumprir a lei “por razóns ideolóxicas e por negocio”

De feito, o PSdeG-PSOE vén de solicitar a comparecencia "urxente" en pleno de Núñez Feijoo e de Javier Guerra, conselleiro de Industria, para "valorar a nova situación creada entorno ao sector enerxético en Galicia" e, de novo, a do presidente da Xunta para que dea explicacións "sobre o mantemento dos concertos educativos aos centros que segregan por sexo". Para iso, os socialistas solicitaron xa a convocatoria dunha Deputación Permanente que aprobe a referida sesión plenaria.

Abel Losada acusou o presidente da Xunta de “mentirlle aos galegos” para levar a cabo unha “obscena mistura de ideoloxía e negocio, aderezada co incumprimento da legalidade”. Losada lembrou que mentres Feijóo e o conselleiro de Economía e Industria anunciaban 14.000 empregos e un investimento de 6.000 millóns de euros, a realidade é “un sector eólico moi máis débil” e un recurso do Tribunal Supremo que “abre a porta ao pago de indemnizacións aos grupos empresariais beneficiarios do anterior concurso”.

Para Jorquera, a anulación do concurso "tivo graves consecuencias para Galiza porque supuxo renunciar a desenvolver o noso sector eólico como un factor de desenvolmento de Galiza e impediu a creación de miles de postos de traballo"

De igual xeito, Francisco Jorquera pediu este xoves que Feijoo “explique nun pleno extraordinario do Parlamento Galego a súa decisión manifestamente ilegal de suspender o concurso eólico do anterior goberno da Xunta". Para Jorquera, a sentenza do TSXG reafirma "o que sempre afirmou o BNG" sobre a anulación da convocatoria, "unha decisión partidaria, irresponsábel, caprichosa, manifestamente ilegal e que tivo graves consecuencias para Galiza porque supuxo renunciar a desenvolver o noso sector eólico como un factor de desenvolmento de Galiza e impediu a creación de miles de postos de traballo, algo moi importante nun contexto de crise no que estamos”.

Anova pediu de non a "dimisión ou cese inmediatos" de Javier Guerra por mor da súa "incompetencia e ineptitude"

Pola súa banda, Anova pediu de non a "dimisión ou cese inmediatos" de Javier Guerra por mor da súa "incompetencia e ineptitude". Para a formación, as declaracións do conselleiro de Industria, nas que considera "intrascendente e carente de efectos prácticos a sentenza do TSXG" demostran "un gravísimo e temerario descoñecemento da normativa legal". Para Anova, "a execución da sentenza, unha vez firme, obrigaría necesariamente a continuar con dito concurso, que xa fora obxecto de adxudicación provisoria". De igual xeito, Compromiso por Galicia demandou a comparecencia pública de Núñez Feijoo e Javier Guerra, pois “a cidadanía galega e as empresas dun sector económico punteiro como é o eólico  merecen unha explicación logo da paralización sufrida nestes anos polo que foi unha decisión política sen fundamento xurídico”.

 

Tres millóns de euros para os colexios segregadores

Carme Adán instou ao Goberno galego a “rescindir os contratos cos centros educativos que segregan por razón de sexo”

Sobre o mantemento das subvencións aos centros de ensino segregadores, a portavoz de Educación do BNG, Carme Adán, instou ao Goberno galego a “rescindir os contratos cos centros educativos que segregan por razón de sexo”, unhas subvencións que segundo a deputada poden chegar aos tres millóns de euros anuais. Adán pediu que estes cartos sexan destinados ao ensino público, en concreto, “ ao mantemento de 145 unidades educativas que serán suprimidas no vindeiro curso”, dixo. Pola súa banda, o socialista Abel Losada criticou que o presidente da Xunta manteña este “negocio para os grupos integristas católicos” lamentando que “para o PP o Opus Dei manda mais que o Tribunal Supremo”.

O Partido Popular respondeu xa, acusando á oposición de non respectar "a liberdade individual na elección dos colexios".

 

A folla de ruta electoral, alterada

O anuncio de Patxi López de adiantar as eleccións en Euskadi ao 21 de outubro, márcalle a Feijoo o camiño nunha ou noutra dirección

Ademais, o anuncio de Patxi López de adiantar as eleccións en Euskadi ao 21 de outubro, márcalle a Feijoo o camiño nunha ou noutra dirección. Se quere adiantar as eleccións, tería que tomar a decisión de inmediato, antes do luns que vén (non se entendería que os comicios galegos e vascos se celebrasen separados por unhas poucas semanas de diferenza), o que botaría por terra a reforma electoral coa que leva ameazando todo o verán. Doutro xeito, a convocatoria debería ser en marzo, o que lle arrebataría ao presidente da Xunta o seu actual poder de xogar coas cartas boca abaixo e definir o calendario electoral en función dos intereses do seu partido.

A estafa das preferentes, con ducias de milleiros de afectados en Galicia, podería darlle -xa esta semana- un novo desgusto ao presidente da Xunta

Mesmo a estafa das preferentes, con ducias de milleiros de afectados en Galicia, podería darlle -xa esta semana- un novo desgusto ao presidente da Xunta, se como denuncian o BNG e outras voces o decreto do Goberno central sobre as preferentes impón unha perda do 60% do seu valor (como esixe Bruxelas) aos afectados, que levan todo o verán criticando con grande intensidade a fórmula da arbitraxe defendida pola Xunta. E todo nun contexto económico, cun outono no que o Goberno central aprobará novas medidas de axuste para cumprir coas condicións fixadas pola Comisión europea, tampouco lle beneficia. 

Feijóo, no bombo dun sindicalista CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.