Pachi Vázquez anima a "manifestarse" coas "papeletas do PSdeG como pancartas"

Pachi Vázquez en Pontevedra este venres © PSdeG-PSOE

"Verdade", "persoas" e "dereitos sociais". Son as tres ideas que máis se repetiron no mitin de peche de campaña que o PSdeG-PSOE celebrou no Multiusos Fontes do Sar, en Santiago. Pachi Vázquez leva días tentando converter en votos para o seu partido o rexeitamento maioritario que xeran -segundo as enquisas e a paercepción xeral- os recortes aplicados polos gobernos do PP en Madrid e Compostela. Este venres volveu repetir esta idea, chamando a manifestarse este domingo en defensa da sanidade e do ensino, pero a manifestarse "coas papeletas do PSdeG-PSOE como pancartas". Argumentou neste senso que “unha ampla maioría de galegos e galegas queremos cambiar o goberno e ao país, e o único que nos pode facer dano é quedar na casa porque eles non son tantos, pero van todos a votar".

“A Rajoy pásalle con Angela Merkel como lle pasa a Feijóo con Rajoy, que di a todo que si”

Pachi Vázquez estivo acompañado polo secretario xeral do PSOE, Alfredo Pérez Rubalcaba. Rubalcaba acusou a Feijoo de "desprazar 411 millóns de euros de déficit de 2010 a 2011 para agochar a situación financeira real de Galicia". Ademais asegurou que Galicia “precisa poñer un presidente que defenda a Galicia” a non a un Feijóo que “pasou de ser un tigre de bengala con Zapatero a ser un gatito ronroneante con Rajoy”. E engadiu que “a Rajoy pásalle con Angela Merkel como lle pasa a Feijóo con Rajoy, que di a todo que si”.

Vázquez falou de "cambio" e pediu o apoio para logralo e liderar un goberno progresista "que garanta o cambio e pense na xente e nos seus problemas”, que apoie “a quen non da chegado a fin de mes" e consiga "crear emprego e parar os recortes". Prometeu ser un presidente que diga sempre a verdade e volveu acusar a Feijoo de basear a súa acción de goberno na mentira e na ocultación.

Os socialistas quixeron situar estas eleccións nun contexto máis amplo e chamaron a rexeitar nas urnas non só a xestión dos conservadores na Xunta senón tamén no Goberno central: "Rajoy e Feijóo queren obter nestas eleccións un “cheque en branco” para “recortar os dereitos deste país, despedir aos traballadores públicos e recortar na sanidade e na educación públicas”.

"Rajoy e Feijóo queren obter nestas eleccións un “cheque en branco” para “recortar os dereitos deste país, despedir aos traballadores públicos e recortar na sanidade e na educación públicas”

Vázquez volveu debullar algunha das súas medidas propostas ao longo da campaña coma o aumento dos impostos á banca, ás grandes fortunas ou ás superficies comerciais, a anulación dos concertos aos colexios que segreguen por sexos, as 25 mil bolsas-traballo para outros tantos mozos e mozas, os 28 mil contratos para mulleres e os 60 millóns para impulsar a contratación de parados de longa duración.

 

Pachi Vázquez en Pontevedra este venres © PSdeG-PSOE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.