As caras dicíano todo. Pachi Vázquez, candidato socialista, recoñece que os malos resultados do seu partido obrigan convocar os órganos do PSdeG e a "abrir un escenario de profunda reflexión" logo do cal asegurou que se manterá onde "decida" a súa militancia, polo que pon o cargo a disposición da formación. Na súa comparecencia ante os medios logo de coñecerse a notable caída en escanos dos socialistas galegos, felicitou o PP pola súa "ampla" maioría e aclarou que asume "con total serenidade" a derrota.
Pachi Vázquez di que se manterá onde "decida" a militancia socialista
"Teño a sensación de ter feito o que tiña que facer", aclarou, logo de resumir na "normalidade, serenidade e responsabilidade" os seus sentimentos, malia a perda de sete escanos que xa lle agoiraba o escrutinio a máis do 80% escrutado. Pachi Vázquez compareceu apoiado polos cabezas de lista polas catro provincias, así como polos deputados galegos no Congreso Laura Seara, José Blanco ou dirixentes federais do PSOE como Antonio Hernando e Gaspar Zarrías.
"Quero garantirlle a toda Galicia que, durante os próximos 4 anos, o PSdeG estará traballando onde nos puxo a cidadanía, no Parlamento Galego, para conseguir aquelas cousas nas que sempre soñamos", engadiu Vázquez, que asumiu "a responsabilidade do resultado como secretario xeral e candidato", aínda que dixo sentirse "orgulloso" do traballo feito polo partido.
"Temos un obxectivo como bos socialistas: non desanimarnos nunca, seguir traballando, seguir crendo no que sempre defendemos e aceptar democraticamente os resultados deste pobo galego que decidiu escoller este camiño para os próximos anos", finalizou.