Pachi Vázquez dá por feito o seu adeus e culpa do fracaso á "falta de credibilidade" do PSOE

Asitentes ao Comité Nacional do PSdeG © PSdeG

Pachi Vázquez deu por feito o seu abandono da secretaría xeral do PSdeG logo de avanzar este sábado no Comité Nacional do partido que non será "un obstáculo" para o cambio que se pretende na formación e tras animar a un profundo "proceso de reflexión e debate" logo dos malos resultados electorais nas últimas eleccións autonómicas, que cualificou de "malos e precupantes". Segundo o líder do socialismo galego, a perda de máis de 225.000 votos debeuse á "falta de credibilidade" da formación logo da xestión da crise levada a cabo desde o Executivo central, aínda que asumiu constantemente "os erros propios" en Galicia. "A culpa é miña principalmente", dixo, nun Comité Nacional que ao peche da edición deste sábado seguíase desenvolvendo. Máis de 120 militantes pediron a súa intervención e sobre as sete da tarde quedaban unhas 80 persoas por falar.

"A xente non nos cre", chegou a dicir Vázquez durante o seu discurso, no que aclarou que o PSdeG "segue sendo o referente da esquerda e o primeiro partido da oposición", pero no que instou a "definir un novo modelo" na conferencia federal do PSOE en decembro, á que os socialistas galegos deben trasladar "as súas propias propostas e reflexións". Así, avanzou que logo do cónclave estatal, os socialistas galegos celebrarán un congreso extraordinario en xaneiro de 2013 no que se definiría "un calendario e unha folla de ruta" para revisar o modelo do partido e levar a cabo a renovación.  Non hai datas marcadas, pero si un camiño que pretende pilotar el para logo deixar paso. Así, o líder do PSdeG puxo as eleccións municipais de 2015 como "o punto de partida do cambio de tendencia" na formación e volveu pedir unha profunda reflexión desde as bases e en todo o partido. "Ou facemos iso ou a sangría pode ser aínda peor", advertiu.

"Nunca vou ser un problema para o cambio e a renovación, senón que sempre traballarei para axudarlle a quen asuma as novas responsabilidades de xeito leal e disciplinado"

Pachi Vázquez non falou de decisións persoais, aínda que si aclarou que non será un atranco na renovación do partido. "Nunca vou ser un problema para o cambio e a renovación, senón que sempre traballarei para axudarlle a quen asuma as novas responsabilidades de xeito leal e disciplinado", asegurou o secretario xeral, que animou "os que se sintan con forzas para sacar este proxecto adiante" a que "o fagan sen problema", pero que cre que "non é o momento para aventuras persoais, senón para que participe a militancia". Aínda así, advertiu aos críticos que non todo vale, polo que solicitou "respecto e lealdade" co PSdeG.

O secretario xeral dos socialistas galegos non evitou adxectivos á hora de cualificar o fracaso electoral do PSdeG nas últimas eleccións, que atribuíu á "falta de credibilidade" do PSOE pola xestión da crise realizada desde o Goberno central, aínda que non obviou os "erros propios" na federación galega. "Non só non cumprimos as expectativas, senón que os resultados non se corresponderon coa ilusión nin co que pensabamos que ía pasar", asegurou Pachi Vázquez, que cre que a formación "non foi quen de romper a tendencia que xa se daba en España".

"Faltounos credibilidade; a xente non nos cre porque non confía en que lles digamos que imos facer algo cando non o fixemos antes"

"Faltounos credibilidade; a xente non nos cre porque non confía en que lles digamos que imos facer algo cando non o fixemos antes", reflexionou o líder dos socialistas galegos, que insistiu en "que a infidelidade págase". "Cando se toman medidas que non se corresponden co noso ideario, mándannos para a casa", engadiu, tras asegurar que "a débeda aínda non quedou saldada". "Xa o comprobamos nas municipais, logo nas eleccións andaluzas, nas xerais e agora nas galegas", dixo.

"Aínda que xa pagamos unha parte importante pola xestión da crise, a inercia negativa continua"

"Aínda que xa pagamos unha parte importante pola xestión da crise, a inercia negativa continua e aínda que o PP perde apoios, ao PSdeG aínda non se lle ve como alternativa", asegurou Vázquez, que cre que aínda hai "un agravante", que non é outro que que "partidos minoritarios están gañando a confiranza que perden os grandes partidos estatais".

Ademais, o secretario xeral do PSdeG pediu "novos modelos de estrutura de partido" e censurou os continuos debates internos na formación. "Non pode ser que nos pasemos o ano anterior ás eleccións debatendo cuestións internas; é algo moi democrático, pero transmite sensacións sobre as que temos que reflexionar", engadiu, logo de reclamar unha personalidade propia no socialismo galego. "Temos que acudir ao comité federal cunha proposta propia, unha voz propia que analice, debata e propoña novos xeitos de facer política", dixo.

Pachi Vázquez, durante o seu discurso no Comité Nacional © PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.