Pachi Vázquez garante que "toda a militancia" elixirá "antes do verán" a nova dirección do PSdeG

Reunión da Executiva Nacional do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

O vindeiro sábado o PSdeG reúne en Santiago o seu Comité Nacional, máximo órgano entre congresos. Os diversos sectores do socialismo galego chegarán a esa xuntanza con visións diferentes sobre o futuro do partido, pero moi semellantes a respecto da transcendencia desa xuntanza. Xusto antes do inicio do comité a Executiva Nacional reunirase para "pechar definitivamente" a proposta que o secretario xeral, Pachi Vázquez, lle puxo sobre a mesa este xoves. Sen amosar demasiadas cartas da súa baralla, Vázquez adianta que a súa aposta vai permitir que "a militancia faga a proposta" para a nova dirección e ademais incluirá "unha data para o congreso extraordinario" que será, en calquera caso, "antes do verán".

Ademais de conciliar vontades internas -Vázquez sinala que no seo da Executiva houbo "práctica" unanimidade, se ben "practicamente todos" os seus integrantes ven "algo mellorable- a dirección do PSdeG ten diante de si o reto de encaixar esa participación directa da militancia sen bater contra os estatutos do PSOE, que impiden que a máxima "un militante, un voto", opere para a renovación da secretaría xeral. Trátase, por así dicilo, de facer unhas primarias sen darlles tal nome, quizais por iso o propio Pachi Vázquez non pronunciou ese termo na súa comparecencia ante a prensa e tampouco, segundo confirman fontes socialistas, no transcurso da xuntanza da Executiva -que rematou cun aplauso para o secretario xeral-.

Os delegados e delegadas terían que oficializar no congreso o nomeamento da persoa elixida nunhas primarias non vinculantes

"A proposta é que toda a militancia poida votar" e "todos traballamos" nunha "fórmula para poder facelo", insiste Vázquez. Isto tamén implica "falar con Ferraz", isto é, cunha dirección federal do PSOE coa que o PSdeG non quere "confrontar". Pero, entón, como é posible non facer nada "antiestatutario" e que toda a militancia participe? Fontes do entorno do secretario xeral consultadas por este diario sinalan que, esencialmente, trataríase de celebrar unhas primarias ao uso das que saíse o novo secretario ou secretaria xeral, pero non serían vinculantes. Así, corresponderíalles aos delegados e delegadas que participasen no congreso oficializar o nomeamento na secretaría xeral a persoa elixida nesa "consulta" e, acto seguido, votar a Executiva Nacional que a acompañe.

Neste contexto, Vázquez amósase convencido que no Comité Nacional se vai iniciar o camiño para o "futuro" do PSdeG con "máis participación", "máis transparencia", "máis cohesión" e "maior calidade democrática". E todo isto, para cando? O calendario é, precisamente, un dos aspectos a tratar no encontro do sábado. En calquera caso, o horizonte co que traballa a dirección socialista é "entre xuño e xullo", o que equivalería a celebrar a "consulta" ou primarias en xuño e, xusto despois, o congreso extraordinario.

Vázquez, tras a reunión da Executiva CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.