Pachi Vázquez lanza o PSdeG á procura do "goberno de progreso que free a dereita insensible"

Vázquez, cos cabezas de lista e coa número dous por Ourense CC-BY-NC-SA PSdeG

Pasou a treboada e comeza a carreira. Despois da tensión acumulada no proceso de elaboración das listas electorais e do posterior acordo para conformalas os socialistas galegos presentáronas este sábado apostando por amosar que o tirapuxa xa está gardado nun caixón. Mudou ata o escenario: nin o hotel compostelán onde adoita celebrar as súas xuntanzas máis relevantes nin a súa sede; o PSdeG elixiu o emblemático parque compostelán de Bonaval para lanzarse de cheo á carreira electoral. O escenario de cara ao 21-O está moi aberto e o candidato socialista, Pachi Vázquez, opta por explicar ás claras cal é o obxectivo do seu partido e o seu propio: "preséntome para presidir un goberno de progreso" que sirva para frear "a dereita insensible" en Galicia e tamén no resto do Estado.

Baixo un intenso sol que obrigou os 49 candidatos e 46 candidatas a realizar un exercicio de estoicismo na tribuna Vázquez advertiu de que un proceso electoral no país "nunca foi tan decisivo", dentro e fóra del. "Toda España está mirando para o futuro das galegas e dos galegos", di o líder socialista, para quen Galicia pode ser "o bastión que pare a dereita", para cambiar "a economía do sufrimento pola economía do crecemento". Cun cambio político a Xunta xa non servirá para "bailarlle a auga a Rajoy" nin estará "de xeonllos" a agardar novos recortes, tanto en servizos públicos como en autogoberno, proclama Vázquez: "nada de minorar ou autogoberno" ou de "aplicar un paquete de recorte da autonomía". Se o Goberno central pon en marcha esa operación Galicia "defenderase con unllas e dentes" en caso de que Feijóo non continúe en San Caetano, asegura.

Os socialistas estrearon lema no acto de Bonaval: Galicia quere, Galicia pode

A colocación do foco no binomio Rajoy-Feijóo será un dos eixos da campaña socialista, que este sábado estreaba ademais o seu primeiro lema: Galicia quere, Galicia pode. O presidente do Goberno central e "o seu correspondente en Galicia", ironiza o candidato do PSdeG, deben "dicir a verdade" sobre "o que teñen pensado facer: que van ir polas pensións e polas prestacións por desemprego" e que van "destrozar a sanidade pública" se logran unha nova maioría absoluta. Diante disto, apela, os aspirantes a deputados e deputadas socialistas deben "percorrer" a xeografía galega explicando que "hai outro xeito de saír da crise". "Imos seguir facendo mamografías para salvar vidas", "imos parar en seco os convenios cos colexios que segregan por sexo", os pensionistas "non terán que pagar os medicamentos", non haberá "un só despedimento de persoal sanitario nin docente", e "aos pais e nais desesperados ímoslles dicir que con nós" regresará a "gratuidade dos libros de texto", exemplifica.

Ante un público formado por militantes entre os que se atopaba o ex ministro José Blanco ou deputados que non recuncarán, como o veterano Ismael Rego, Vázquez procura insuflar ánimo na tropa socialista. "A resignación non ten ningún espazo", di, porque a súa candidatura, ademais de mudar políticas no ámbito económico ou social tamńe aspira a "unha Galicia optimista e alegre". "Os socialistas imos por todas, non contemplamos outra posibilidade que encabezar un goberno de progreso para acabar co pesadelo da dereita". "Se non o logramos darémoslle vía libre á dereita, pero non o imos permitir", conclúe.

Vázquez intervén na presentación de candidaturas CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.