Pachi Vázquez pilotará o PSdeG ata o relevo da súa dirección en 2013

Executiva na que o PSdeG analizou os resultados CC-BY-NC-SA PSdeG

Foron dúas imaxes as que, posiblemente, resumiron mellor o acontecido nas eleccións autonómicas de 2009. A primeira produciuse o propio 1 de marzo daquel ano, cun Alberto Núñez Feijóo entre sorprendido e exultante, festexando a súa primeira maioría absoluta. A outra chegou ao día seguinte e tivo como protagonista a Emilio Pérez Touriño, que ratificaba ante a prensa a súa dimisión como secretario xeral do PSdeG, consumando así un movemento político que comezara a xestarse na cúpula do partido na propia fin de semana das eleccións. Daquela os socialistas apostaran por un proceso exprés, tanto que o novo presidente da Xunta tomou posesión o 18 de abril e, unha semana despois, Pachi Vázquez chegaba á secretaría xeral a través dun congreso extraordinario. Desta volta a derrota electoral provocará tamén un relevo, pero non instantáneo.

Tras o duro correctivo electoral que os socialistas veñen de sufrir Vázquez expuxo este luns ante a Executiva Nacional da formación a súa proposta para o futuro máis inmediato ou, o que é o mesmo, para a súa propia sucesión e a do seu equipo. Será nun congreso, pero non ás présas. Atendendo a ese cronograma, aprobado "por unanimidade" segundo a información transmitida polo secretario de organización, Pablo García, tras a longa xuntanza de máis de tres horas, o vindeiro 10 de novembro encetarase o proceso cun Comité Nacional "no que se vai trasladar" a "profunda reflexión" sobre a derrota que "xa comezou". Nesa mesma xuntanza do máximo órgano entre congresos aprobarase tamén un "calendario" concreto que "desembocará nun congreso extraordinario" a celebrar no ano 2013.

A nova dirección do PSdeG elixirase nun congreso extraordinario a celebrar en 2013

"Esta dirección ten a responsabilidade de ordenar este proceso", explica García que, sen explicitalo, dá por feito que este será o derradeiro labor interno da cúpula emanada do congreso ordinario do pasado marzo, no que Vázquez foi reelixido. Nese cónclave elixirase "unha nova dirección", admite, pero mentres "a vida segue igual" e as "estruturas" internas seguirán a funcionar. Elas serán, polo tanto, as que elixan quen dirixirá o grupo parlamentario socialista ata o congreso e, na mesma liña, designarán a persoa que lle dará a réplica a Alberto Núñez Feijóo no complexo debate de investidura. García retruca así as voces internas que, como a do ex deputado Ismael Rego, reclaman unha marcha inmediata de Vázquez. Esas peticións cómpre "respectalas", di, pero "rozan o mal gusto", máis aínda cando a "unanimidade" da Executiva, afirma, apoia que Vázquez continúe ata o congreso.

Pero, a que altura do ano 2013 se producirá o relevo? Esa é aínda unha incógnita. Depende, explica Pablo García, do que decida o Comité Nacional pero tamén da ubicación temporal das conferencias políticas que a dirección federal do PSOE ten previsto celebrar para redefinir a súa estrutura organizativa e tamén a súa proposta programática. Neste sentido o socialista lembra as verbas do propio Vázquez na noite electoral, encamiñadas á apertura dunha "profunda reflexión en Galicia e en España" sobre a sangría de apoios que sofre o partido. No entorno do PSdeG dáse por feito que o seguinte desplome será en Catalunya, da man do PSC. A partir de aí, afirman, empezará a poñerse en práctica a reflexión e tamén unha renovación para a que, no caso galego, aínda non saltan nomes propios.

Vázquez comparece ante a prensa na noite electoral CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.