Pachi Vázquez volve abrir a porta a adiar o congreso do PSdeG ao outono

Comité Federal do PSOE, este sábado © PSOE

"Antes do verán" ou no outono? Esa semella que será a principal incógnita que estará sobre a mesa no seo do PSdeG, a comezar pola xuntanza do seu Comité Nacional e a seguir polas diversas agrupacións do partido. Despois de que, nos últimos días, o presidente da formación, Xosé López Orozco, asegurase que a intención da actual dirección é celebrar o seu congreso extraordinario antes do período estival o secretario xeral, Pachi Vázquez, retomaba este sábado o argumento de agardar á renovación das normas internas do PSOE para celebrar o cónclave, o que equivalería a levalo ao vindeiro outono.

A reflexión de Vázquez chegaba dende Madrid, onde participou no Comité Federal no que o PSOE aproboou o seu calendario a nivel de Estado. Nel inclúese a conferencia política de outubro, na que previsiblemente se dará luz verde a uns novos estatutos que contemplarán, entre outros aspectos, a elección das persoas titulares das secretarías xerais a través de eleccións primarias, isto é, coa participación de toda a militancia. Este, di Vázquez, é o momento de "modernizar o partido con novos instrumentos políticos" e a súa "persoal ilusión" é que o PSdeG "sexa a primeira federación que se renove co novo modelo, e non a última do antigo modelo". Para que isto sexa así o congreso tería que celebrarse no outono.

A plataforma En Positivo acordou hoxe en Lalín espallar as súas propostas por todas as agrupacións do partido

Así e todo, e ante as voces internas que reclaman un congreso "urxente", Vázquez advirte de que "o imos falar entre todos e formularemos estratexias nas próximas datas". "É o momento de que fale a militancia, de propoñer ideas, programas e compromisos que nos permitan recuperar a confianza cidadá", abonda, nun contexto no que non cre axeitado "falar de persoas". "Ninguén entendería que viñésemos falr dunha persoa ou doutra cando estamos falando de como acadamos un novo socialismo, a clave é primeiro facer o barco e despois falar da tripulación", ilustra. Por este motivo, di, "todos os militantes van recibir un convite para poder falar do que realmente lles preocupa aos cidadáns", o que se traduce nun período máis prolongado de reflexión interna antes do congreso.

Mentres isto sucedía en Madrid, en Lalín a plataforma En Positivo, nada no seo do PSdeG e crítica coa actual dirección, reunía cincuenta persoas "de diferentes agrupacións socialistas das catro provincias" para "planificar as actividades necesarias para espallar entre a militancia" un programa baseado "nas ideas de participación, galeguismo e cidadanía activa, entre outras premisas". Entre outras "iniciativas", explican, En positivo "acordou dirixirse a toda a militancia socialista galega de base para presentarlle o seu proxecto político" e "convidada á participación na elaboración de documentos durante as próximas reunións que se celebrarán" en diferentes puntos do país. Esta xuntanza tivo unha especial lembranza para Ceferino Díaz, histórico socialista e galeguista falecido recentemente que "foi un dos principais impulsores" da plataforma.

Pachi Vázquez, secretario xeral do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.