Pedro Sánchez anuncia un decreto para que o imposto das hipotecas o pague a banca

Sánchez, coas vicepresidenta, as ministras de Economía e Facenda e o titular de Fomento, na xuntanza sobre as hipotecas © Goberno de España

O Goberno de España promoverá por decreto unha reforma legal para que "nunca máis" os clientes teñan que pagar o imposto das hipotecas e que o asuman as entidades financeiras. O Consello de Ministro dará luz verde á medida este xoves: "Que nunca máis os españois paguen este imposto e que o pague a banca", expresou o presidente do Executivo central, Pedro Sánchez, que explicou que este martes "falou o Poder Xudicial e hoxe e mañá vai falar o Poder Executivo".

Sánchez compareceu nunha inusual rolda de prensa para anunciar as medidas gobernamentais tras a decisión do Tribunal Supremo que obriga a pagar o imposto das hipotecas á clientela e non aos bancos, corrixindo así o que o propio alto tribunal decidira anteriormente.

A fórmula pola que opta o Goberno de España é un decreto para modificar a lei que regula o imposto e Pedro Sánchez di "esperar" que os bancos non repercutan o tributo na clientela cando estean obrigados a pagar

A fórmula pola que opta o Goberno para corrixir a decisión do Supremo é un decreto para modificar o artigo 29 da Lei do Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos. Sánchez tamén anunciou a creación dunha autoridade independente que terá que ser ratificada -do mesmo xeito que o decreto- no Congreso.

Sánchez mostrouse convencido de que o cambio lexislativo polo que serán os bancos os que teñan que asumir o pago do imposto das hipotecas non repercutirá nos clientes, aínda que o fía en última instancia á vontade das entidades. "Espero e creo que non. Créoo porque o mercado hipotecario é bastante competitivo no sentido de que hai bastante oferta non só na banca española senón tamén na UE", afirmou o presidente socialista, que apelou "á responsabilidade do sector financeiro". "O que fai o Goberno é aclarar a situación e garantir e fortalecer a seguridade xurídica e a igualdade", aseverou.

Sede do Tribunal Supremo, en Madrid / Tribunal Supremo

"Ten que facer unha reflexión o Supremo sobre estas dúas semanas que tivo pendente non só ao conxunto do mercado financeiro senón tamén á maioría de cidadáns"

Fontes do Executivo recoñecían este mesmo martes tras coñecerse o fallo do Supremo que a "norma é imprecisa" para explicar por que o alto tribunal partiu en dous sobre esta decisión. No Goberno cren que a xustiza sae danada coa viraxe que deu en dúas semanas.

"Como poder Executivo non podemos deixar de lamentar a situación xerada pola sentenza", recoñeceu Sánchez, que considera que a decisión "non é positiva para a banca, os cidadáns e os xuíces". O presidente cuestionou a viraxe do Supremo e pediulle unha reflexión interna: "Ten que facer unha reflexión o Supremo sobre estas dúas semanas que tivo pendente non só ao conxunto do mercado financeiro senón tamén á maioría de cidadáns".

En Galicia o BNG convoca mobilizacións para este día 8 contra o "xiro esperpéntico" do Supremo "a prol da banca"

A portavoz parlamentaria do PSOE, Adriana Lastra, recoñeceu nunha entrevista que "a xestión dos últimos 15 días foi nefasta" e que "a xustiza non queda en moi bo lugar". Á vez que o Goberno fai cambios desde o poder executivo, os socialistas confían en que o Congreso acelere xa a reforma da lei de crédito inmobiliario, que está conxelada no último trámite parlamentario (o do relatorio) á espera de que houbese un pronunciamiento do Supremo.

Mentres, en Galicia, representantes das tres forzas políticas da oposición amosaron o seu rexeitamento á decisión do Supremo que, no caso do BNG, virá acompañado de mobilizacións. Así, o Bloque anima a acudir a concentracións contra este "xiro esperpéntico a prol da banca" este xoves, 8 de novembro, en lugares aínda por determinar das sete principais cidades galegas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.