Plaxio, acoso, novatadas: as claves da lei de convivencia universitaria que substituirá a normativa franquista

Alumnado na porta da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela CC-BY-NC USC

O novo marco legal para a convivencia universitaria, aprobado polo Consello de Ministros, deixa sen efecto o regulamento de ″lóxica franquista″ de 1954

O anteproxecto de lei de convivencia universitaria foi aprobado este martes polo Consello de Ministros a petición do Ministerio de Universidades, que pretende instaurar ″un novo marco de convivencia común para todo o sistema universitario español″ para que poidan ″exercer os seus dereitos e liberdades na súa máxima expresión″. Cuestións básicas en democracia que non se poden axustar á norma vixente na actualidade porque foi aprobada no ano 1954, en plena ditadura de Franco. A nova lei terá que superar o debate no Congreso, previsto para despois do verán, onde poderá sufrir modificacións.

O principal obxectivo desta iniciativa é rematar coa ″obsolescencia″ e o ″carácter preconstitucional″ da norma vixente ata o momento e que afecta directamente a todo o estudantado das universidades do Estado. O Ministerio de Universidades aduciu que o regulamento de 1954 responde ″á realidade e lóxica do réxime franquista″, polo que colide coa Constitución ao sancionar disciplinariamente feitos como a ″insubordinación contra as autoridades académicas″, ″as manifestacións contra a relixión e moral católicas″, ″a incitación ou estímulo de manifestacións colectivas″ ou ″as palabras ou feitos indecorosos″.

Reunión do Consello de Ministros deste martes CC-BY Pool Moncloa/Fernando Calvo

A proposta lexislativa aposta pola mediación a través dunha Comisión de convivencia

O Regulamento de disciplina académica dos Centros oficiais de Ensino Superior e de Ensinanza Técnica dependentes do Ministerio de Educación Nacional tiña unha finalidade punitiva pola que chegaba a sancionar exemplos como os anteriores coa expulsión ou a ″inhabilitación perpetua″ para cursar estudos en todo o sistema universitario, unha medida que é inconstitucional. 

Esta proposta de lei impulsada polo departamento de Manuel Castells, que marchou a París fuxindo da ditadura nos anos sesenta, aposta pola mediación en detrimento dos castigos disciplinarios. Un novo órgano, a Comisión de convivencia, canalizará esas mediacións e decidirá se hai que iniciar un procedemento disciplinario. Para esa mediación as partes terán que estar de acordo nesta vía, que non servirá en casos relacionados coa violencia machista.

A intención do Goberno é que funcione como un marco xeral básico que as universidades poidan ampliar nas súas normas internas. Con todo, esta lei de convivencia só afectará ao estudantado das universidades públicas. Os centros de ensino superior privados fican fóra do eido de acción do Ministerio de Universidades e, polo tanto, este só pode recomendarlles que inclúan o texto nos seus propios regulamentos. O regulamento ditado no franquismo, pola contra, non especifica a titularidade das universidades.

Estudantes nunha aula da Universidade de Vigo © UVigo

As novatadas, o plaxio ou o acoso sexual poden supoñer a expulsión ata 3 anos

O anteproxecto de lei tamén establece un novo réxime de faltas disciplinarias que considera moi grave as novatadas, o plaxio, o acoso sexual, os casos de violencia grave, a discriminación ou o incumprimento das normas de saúde pública. Nestes supostos o alumnado enfróntase á expulsión da universidade de dous meses a tres anos.

Considéranse faltas graves a fraude académica, o deterioro do patrimonio da universidade, facerse co contido de exames ou probas académicas, impedir a celebración de actividades ou empregar indebidamente materiais da universidade suxeitos a dereitos de propiedade intelectual. Estas accións poden ser sancionadas coa expulsión dun mes do centro universitario ou a perda de dereitos de matrícula dun curso académico na materia na que se cometera a falta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.