Pleno de problemas coa Xustiza no primeiro goberno do PP en Santiago

Treito do informe de Aduanas no que se transcribe a mensaxe CC-BY-SA Praza Pública

Pleno. Ata finais do pasado xaneiro a única edil do PP de Santiago electa directamente nas municipais de 2011 que permanece no Goberno local, Reyes Leis, era tamén a única daquel equipo orixinal, presidido por Gerardo Conde Roa, que se libraba dos problemas coa Xustiza. Pero a condición da actual responsable de Turismo da capital galega vén de mudar. A titular do xulgado de instrución número 1 de Santiago, Ana López-Suevos, na súa condición de substituta da responsable do número 2, cita a Leis como imputada por un presunto delito de tráfico de influencias por, supostamente, tentar aproveitarse do seu cargo de concelleira para que lle fose retirada unha multa.

A presunta conduta delitiva produciuse en xuño de 2012. O teléfono do daquela edil de Seguridade e responsable de Tráfico do Concello, Albino Vázquez, estaba intervido por orde da xuíza Pilar de Lara, instrutora do caso Pokémon. Esta intervención permitiulles aos axentes de Vixilancia Aduaneira interceptar tamén a mensaxe de texto na que Reyes informaba o seu compañeiro de que lle puxeran "unha multa da ORA" mentres se atopaba acudindo a un "acto". "Pódese facer algo?", preguntaba.

Aduanas interceptou unha mensaxe na que Leis lle preguntaba ao edil de Tráfico se podía "facer algo" cunha multa que lle viñan de impoñer

De Lara remitiu esta parte das intervencións dende Lugo ata Compostela, onde a xuíza instrutora detecta unha presunta conduta delitiva. Así as cousas, López-Suevos reclámalle agora ao Concello o expediente correspondente á multa de Reyes Leis para coñecer se, efectivamente, lle foi retirada grazas á súa petición a Albino Vázquez, imputado na Pokémon e tamén agora neste caso.

Todos nos tribunais

A decisión da xuíza engade definitivamente o nome de Leis aos de todos os seus compañeiros naquel primeiro Goberno, que en diferentes momentos tiveron xa que render contas ante os tribunais. O primeiro foi o propio Conde Roa, quen ademais de ser obxecto dunha imputación na Pokémon foi condenado por fraude fiscal na súa empresa construtora, causa que motivou a súa saída da Alcaldía. A número dous daquela lista, Paula Prado, tivo que abandonar a portavocía do PP ao coñecerse que era investigada tamén na Pokémon, caso polo que rematou imputada pero non en Lugo, senón no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, dado o aforamento que implica o seu cargo de deputada.

Todos os membros daquel equipo de Conde Roa tiveron que render contas ante os tribunais

Tras Leis, terceira na lista electoral, estaba o tamén ex alcalde Ángel Currás, sobre quen pesa unha imputación na Pokémon, o que tamén lle acontece ao devandito Albino Vázquez, número 8, e a Adrián Varela, número 13. Os sete restantes foron os edís condenados en xuño de 2014 a nove anos de inhabilitación por, segundo a sentenza, prevaricar coa decisión de pagar con fondos públicos a defensa de Varela no propio caso Pokémon.

Herdanza para Hernández

Neste contexto, e apenas tres meses despois da saída de Currás, o agora alcalde compostelán, Agustín Hernández, afronta unha conxuntura na cal unha das escasas persoas do seu goberno que ten o referendo das urnas volve ter sobre si a lupa da Xustiza por unha consecuencia do caso que condicionou a vida municipal da capital dende, practicamente, o inicio do mandato. Sucede, ademais, despois de que Leis amosase publicamente a súa disposición a integrarse nas listas do PP nas eleccións de maio.

Así as cousas, alén da propia resolución do caso, só resta saber cal será a actitude do Goberno local e do PP compostelán ante esta nova imputación e, moi especialmente, cara á xuíza que a decidiu, toda vez que é a mesma maxistrada que instruíu o caso dos edís inhabilitados. Durante aquela instrución os conservadores santiagueses acusaron directamente a López-Suevos de exercer sobre eles unha "persecución política".

Feijóo dálle os parabéns a Conde Roa o día da súa toma de posesión © Concello de Santiago
Reyes Leis e Agustín Hernández © Concello de Santiago

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.