A chamada xurdiu en varias ocasións ao longo da campaña electoral das municipais e eclosionou tras os bos resultados das mareas e a súa chegada aos gobernos da Coruña, Santiago e Ferrol. A posibilidade de artellar unha Marea Galega para as eleccións xerais e autonómicas é unha constante no debate político de Galicia desde o 24M. As chamadas á unidade sucédense, cada cal cos seus matices, desde múltiples ámbitos da esquerda e do soberanismo. Nesta dinámica moitas olladas dirixíronse cara a Podemos, que apoiou o proceso das mareas en varios concellos pero cuxa estratexia cara ás xerais pasa por converter as súas siglas en innegociables, un plan que o seu secretario xeral, Pablo Iglesias, vén de explicitar tamén en Galicia e que, a priori, afasta a súa formación da posible confluencia no país.
Este venres Iglesias fixo pasar por Galicia a súa "Ruta do cambio", que o o está levando por varios puntos do Estado coa vista posta nas xerais. Nunha axenda de día e medio na que se inclúen dous mitins, en Ferrol e Vigo, citouse cos representantes galegos do seu partido pero, sobre todo, coas mareas e coas forzas políticas que as apoiaron. Unha das citas sinaladas da axenda xa se celebrou e sentou á mesma mesa a Iglesias, a Xosé Manuel Beiras, líder de Anova, e á coordinadora de Esquerda Unida, Yolanda Díaz. Tras o encontro todas as partes coindiden: tanta cordialidade no ambiente e acordo no "diagnóstico" como distancia no xeito de artellar o proceso e de presentarse ás eleccións.
Tras o primeiro encontro os participantes coinciden: tanta cordialidade no ambiente e acordo no "diagnóstico" como distancia no xeito de artellar o proceso
Tres anos despois das eleccións galegas nas que Iglesias participou en calidade de asesor de AGE os seus principais referentes, comezando polo propio Beiras, subliñan que a súa aposta para as xerais pasa polo "pobo galego como suxeito político con libre decisión, con soberanía" para conformar unha alternativa na que participen "forzas políticas con presenza en Galiza, as mareas e o tecido asociativo", indica o histórico nacionalista. Os partidos "non podemos condicionar nada, debemos deixar construír", reflexiona Yolanda Díaz.
Beiras salienta que a súa aposta é alentar o "pobo galego como suxeito político" cara ás eleccións
Estas posicións estiveron sobre a mesa nunha reunión na que, segundo as fontes consultadas, Pablo Iglesias apelou reiteradamente ao aprobado na asemblea fundacional do partido, na madrileña praza de Vista Alegre, para subliñar que non contempla ningunha fórmula que non pase por que as siglas de Podemos estean nas urnas, escenario no que cabería que tras o seu nome figure un "guión" e "outra cousa", como xa explicitou en diversas intervencións públicas nas últimas semanas. Esa 'outra cousa' daría cabida a "outras sensibilidades", di, e podería traducirse nun "grupo parlamentario galego" no Congreso, un "espazo nacional galego" que non estivese "separado", pero si fose "distinto". En todo caso, que o punto de confluencia sexa o seu partido é "imprescindible".
Díaz: "Os partidos non podemos condicionar nada, debemos deixar construír"
Neste contexto, tanto Anova como Esquerda Unida coinciden en manter abertas as canles de diálogo con Iglesias, dadas as "coincidencias sobre o momento político no que estamos", aínda que desde ambas as organizacións lémbrase que Podemos participou nas mareas sen as súas siglas, sen que isto significase a súa desaparición como organización. No entanto, nas contornas de Beiras e Díaz, así como desde os da Marea Atlántica e Compostela Aberta -Iglesias xa ser reuniu este venres con Xulio Ferreiro e Jorge Suárez e o sábado farao con Martiño Noriega-, cobra forza a posibilidade de que non chegue a conformarse unha "alternativa electoral conxunta" con Podemos, tendo en conta que a "marea galega", destacan, debe nacer "dende abaixo, da cidadanía", "sen tutelas", como "suxeito político propio" que se poña nomes e apelidos" a si mesmo.
Este posible escenario facilitaría a conformación dunha Marea Galega na que tamén participase o BNG, que nas últimas semanas se vén manifestando a prol dunha candidatura galega unitaria e "de amplo espectro". Daría lugar, ademais, á paradoxal circunstancia de que Podemos competiría electoralmente coas mareas ás que apoiou nas municipais, unha base social coa que o propio Iglesias di estar disposto a confluír de novo para as eleccións galegas, previstas para 2016.