Podemos arranca en Galicia "abrindo as portas" aos movementos sociais

Presentación de Podemos Galicia CC-BY-SA Praza Pública

A recentemente elixida dirección de Podemos en Galicia fixo este luns a súa presentación pública insistindo unha e outra vez na súa intención de "abrirse á sociedade" a través das "plataformas e movementos sociais que levan anos traballando en alternativas" e servir de "ferramenta" para todos aqueles que, coma a formación, "loita para mudar a situación e construír unha sociedade máis xusta e igualitaria". 

Así o manifestou Breogán Riobóo, novo secretario xeral de Podemos-Galicia tras vencer no proceso electoral interno que se pechou a pasada semana, e que estivo acompañado por boa parte dos membros do Consello Cidadán Autonómico, o órgano de dirección do partido no país, e que está integrado polos integrantes da lista Claro que Podemos que lideraba o propio Riobóo.

Podemos Galicia insiste en "abrirse á sociedade" e apela ás "plataformas e movementos sociais que levan tempo traballando en políticas alternativas"

Ata en tres ocasións insistiu Riobóo no propósito de "abrir portas e fiestras" en Podemos para que "a sociedade participe nesta ferramenta" que suporía a formación "para mudar a realidade galega e estatal". E fíxoo apelando a toda esa "xente que leva tempo traballando en políticas alternativas" desde diferentes plataformas e asociacións, tras asegurar que foron xa varios os colectivos que se achegaron ao partido. "Queremos que se sigan achegando e que se achegue a sociedade en xeral", dixo. 

"Podemos dá a ferramenta para participar non só cada catro anos", manifestou Riobóo nunha rolda de prensa na que anunciou "traballo arreo e moi duro" a partir de agora para a formación, que cre que é "o momento acaído" para virar "cara a unha sociedade máis xusta" ao atoparse a cidadanía "nunha situación dramática provocada polos poderes políticos e económicos alleos á sociedade". 

Riobóo prevé "traballo arreo e duro" pero cre que é "o momento acaído" para virar "cara a unha sociedade máis xusta"

En canto á participación no proceso interno da formación en Galicia -que quedou nun 20% aínda que nun número case idéntico ao proceso local-, Riobóo cre que e unha cifra "lóxica" ao ser unhas eleccións "internas" e non "abertas a toda a cidadanía". Ademais, asegurou que "Podemos segue crecendo", ao pasar duns 15.000 inscritos de hai uns meses aos case 19.000 da actualidade. "Non creo que se estea a desinflar nada e as enquisas só marcan unha tendencia", insistiu ao ser preguntado sobre os últimos inquéritos. 

Ao tempo, e sobre "as miras" de Podemos no futuro inmediato, Riobóo asegura que estas "non están nas eleccións", senon en "implantar a formación e abrir as fiestras á sociedade" e lembrou que, de cara ás municipais, serán os inscritos en cada vila ou cidade os que decidan se apostan polas mareas impulsadas en varias urbes, aínda que a aposta por elas parece clara. Ademais, e en canto ao seu futuro persoal, o secretario xeral do partido en Galicia advertiu que seguirá "traballando e compaxinando" o seu novo labor e que "xa se verá" o que ocorre no futuro con respecto á loita electoral autonómica. 

Presentación de Podemos Galicia CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.