Podemos Galicia consulta á súa militancia se aproba unha coalición con Anova e mareas municipais

Antón Gómez-Reino, secretario xeral de Podemos Galicia, durante un reparto electoral de Galicia en Común © ECUP

Podemos Galicia,  Anova e algunhas das principais mareas municipais galegas, como Marea Atlántica e Compostela  Aberta, apuran os prazos para negociaren a súa posible confluencia nas eleccións galegas do próximo 5 de abril. Este xoves, a apenas vinte e catro horas do peche de prazo para a inscrición de coalicións, que expira ás 23:59 do venres 21, Podemos lanzou unha consulta entre a súa militancia galega sobre a alianza que está a negociar.

A consulta transcorre só durante este xoves e subliña que a marca da coalición sería Galicia en Común

"Cres que Podemos Galicia debe concorrer ás eleccións galegas coa fórmula dunha coalición coas organizacións coas que cheguemos a acordo baixo a forma de Galicia en Común e a referencia estatal de Unidas Podemos?" é a pregunta que as persoas rexistradas na formación poden responder  telematicamente na consulta lanzada ás dez da mañá deste xoves. O prazo para participar finaliza este mesmo xoves ás oito da tarde.

Mitin de En Marea como coalición previo ás xerais de 2015 © En Marea

Esta votación exprés entre a militancia galega de Podemos púxose en marcha mentres, segundo fontes das negociacións, a marcha das conversas encarreirou notablemente despois de que, nos primeiros días, ningunha das partes se atrevese a descartar unha ruptura e dúas candidaturas separadas, unha de Unidas Podemos e outra, de  Anova, as mareas e outras formacións. Esta posibilidade non só restaría posibilidades á coñecida como esquerda rupturista á hora de obteren representación no Parlamento, senón que aumentaría notablemente as posibilidades do PP de Alberto Núñez Feijóo á hora de obter unha nova maioría absoluta.

Gómez-Reino e Noriega están a asumir o peso de gran parte das negociacións, nas que tamén participan outros dirixentes e nas que houbo, ademais, intervención de Iglesias e Beiras

Este está a ser un dos factores que está sobre a mesa dunhas negociacións nas que gran parte do peso recaeu en Antón Gómez-Reino, secretario xeral de Podemos-Galicia e único aspirante á candidatura á Presidencia da Xunta nas primarias do partido, e en Martiño Noriega,  ex-alcalde de Santiago, líder de Compostela Aberta e responsable de relacións políticas de Anova. Fontes consultadas por Praza.gal admiten, ademais, a existencia de negociacións entre outros dirixentes nunha mesa paralela e tamén, cando menos, un contacto telefónico entre Pablo Iglesias e Xosé Manuel Beiras.

Alén da participación que esta rápida consulta interna poida chegar a ter, na contorna das negociacións é interpretada como un sinal de Podemos á hora de facer valer a súa preeminencia na eventual alianza. Así, mentres en 2016 os daquela alcaldes das mareas e outras forzas lograron que a confluencia galega se conformase baixo o paraugas de En Marea, agora Podemos defende a súa maior forza electoral.

Isto sucede especialmente desde a súa entrada no Goberno de España e a perda das alcaldías das mareas. De aí a súa aposta por que este espazo político vaia ao 5A baixo as siglas de Galicia en Común e co líder de Podemos Galicia como candidato á presidencia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.